O audiovisual galego amósase no Festival de Málaga con nove títulos en proxección e presenza na área de industria co apoio da Xunta

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu á estrea de Código Emperador, de Vaca Films, película escollida para a gala de apertura do certame especializado en cine español e iberoamericano

A serie Rapa, adxudicataria de 300.000 euros polo fondo de captación de rodaxes do Hub audiovisual da Xunta, preséntase o martes na sección Pantalla TV

Santiago de Compostela, 20 de marzo

O audiovisual galego está presente de xeito destacado no 25º Festival de Málaga a través de nove filmes que se proxectarán en distintos apartados do evento, así como dun expositor propio de difusión entre o público profesional acreditado no mercado paralelo, nunha misión comercial que conta co apoio da Xunta. Seis dos títulos incluídos na programación suman unha inversión por parte do Goberno galego de preto de 700.000 euros para a súa produción e exhíbense neste festival na súa primeira fase de promoción.

O certame, que se desenvolverá ata o 27 de marzo en varios espazos da cidade andaluza, inaugurouse coa estrea do filme galego Código Emperador, de Vaca Films, con dirección de Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar, nunha gala á que asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, como testemuño da contribución do Goberno galego con case que 400.000 euros á produción desta película que se pode ver xa en cines comerciais.
A serie Rapa, o proxecto de Portocabo para Movistar+ adxudicatario de 300.000 euros polo fondo de captación de rodaxes do Hub audiovisual da Xunta, preséntase tamén o martes 22 en Málaga na sección Pantalla TV, onde se desvelará o primeiro episodio desta ficción rodada integramente na Serra da Capelada e na comarca de Ferrolterra, antes da súa emisión nas pantallas.

Outros títulos galegos con subvención autonómica que se poderán ver no festival son a curtametraxe Rompente, de Zeitun Films, o documental Welcome to ma Maison, de Gaitafilmes, a longametraxe Cando toco un animal, da cooperativa Sétima (estes dous últimos, presentes no apartado Spanish Screeenigs) e Onde máis doe, documental de Xamalú Filmes que terá un pase especial no Teatro Echegaray. As restantes tres fitas que completan a carteleira galega en Málaga son Memoria, Sycorax e El sembrador de estrellas.

Primeiro ‘stand’ no MAFIZ


O público profesional acreditado no Festival tamén poderá achegarse á produción audiovisual galega actual a través do expositor propio que por vez primeira instalará a Xunta no MAFIZ (Málaga Film Industry Zone), o mercado para a industria que se desenvolve entre os días 21 e 24 como punto de encontro prioritario para produtoras, canles de televisión, distribuidoras, empresas dedicadas á comercialización e prensa especializada.

Desde ese stand, os profesionais galegos desprazados poderán propiciar os seus contactos de traballo e difundiranse os novos catálogos Films from Galicia e Shorts from Galicia, editados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica.

Deste xeito, os 58 títulos recollidos baixo Films from Galicia e as sete curtametraxes de Shorts from Galicia ofrecen unha completa panorámica da actualidade do noso sector audiovisual, deixando testemuño da variedade da oferta galega, ademais de contribuír a promover a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.

Imaxes relacionadas