A Xunta remata as obras de acondicionamento da captación e da mellora do abastecemento ao núcleo de Santigoso, no concello do Barco de Valdeorras

 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle este mes as infraestruturas hidráulicas ao Concello


A intervención, cun investimento de preto de 35.000 euros, garanten o correcto abastecemento e palían os problemas de cortes de auga

Impermeabilizouse a represa existente para evitar as perdas de auga e procedeuse ao izado da parte superior para evitar que as follas e elementos arrastrados pola corrente se acumulen nas reixas, de forma que non se colapse a entrada

Substituíronse, tamén, as tubaxes que conectan a represa coas arquetas filtrantes para garantir o correcto paso da auga

Derribáronse os muros de pedra existentes na captación superior, limpouse a zona e construíronse novos muros de delimitación
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento ao núcleo de Santigoso, no municipio do Barco de Valdeorras. A titularidade das novas infraestruturas acaba de ser entregada ao Concello.

A intervención, cun investimento autonómico de preto de 35.000 euros, permite paliar os problemas de cortes de auga e desabastecemento que afectaban aos veciños deste núcleo de poboación.

As obras entregadas este mes á entidade municipal centráronse en arranxar o deficiente estado de conservación da infraestrutura municipal, que provocaba continuos cortes de auga e desabastecemento aos veciños da localidade, xa que a represa existente non conducía adecuadamente a auga concedida para o abastecemento da localidade debido a numerosas roturas na base. De igual forma, a captación que recollía as augas procedentes dos mananciais situados augas arriba da represa non dispoñía dos elementos adecuados para garantir a calidade da auga destinada a consumo humano.

Para paliar as deficiencias existentes nestas captacións, garantindo o correcto abastecemento aos veciños deste núcleo, procedeuse á impermeabilización da represa para evitar as perdas de auga, así como ao izado da parte superior para garantir unha inclinación suficiente que evite que as follas e elementos arrastrados pola corrente se acumulen nas reixas que permiten o paso da auga, de forma que non se colapse esa entrada.

Substituíronse, tamén, as tubaxes que conectan a represa coas arquetas filtrantes para garantir o correcto paso da auga.

Por outra banda, nesta intervención da entidade hidráulica da Xunta procedeuse á demolición dos muros de pedra existentes na captación superior, á limpeza da zona e á construción duns muros de formigón en substitución dos de pedra, que delimitan a zona.

Máis en concreto, colocáronse tres tubaxes drenantes para a recollida das auga procedente dos mananciais. Estas tubaxes foron colocadas sobre unha base de birlos de pedra, e cubertas con outra capa deste material. Así, a auga que circula por estes drenaxes recollerase nunha arqueta estanca, da que parte unha tubaxe ata a arqueta filtrante situada máis abaixo. Ambas as captacións están delimitadas cun cerramento de malla metálica, para evitar a entrada de animais e persoas que poidan comprometer a salubridade da auga.
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Nesta liña, o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, autorizada o pasado día 10 de marzo polo Consello da Xunta e remitida ao Parlamento para a súa tramitación. Esta nova norma permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.