A Xunta fai entrega de 19 vehículos pick-up a agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta mañá no Obradoiro dos novos vehículos

O investimento do Goberno galego nos últimos anos en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos galegos supera os 21M€, máis de 15M€ para as agrupacións de Protección Civil

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega esta mañá no Obradoiro de 19 vehículos tipo pick up a agrupacións de voluntarios de Protección Civil das catro provincias galegas.
Alfonso Rueda indicou que esta esta achega forma parte da orde de axudas da Xunta do ano pasado, destinada a material para as Agrupacións de voluntarios de Protección Civil, cun importe de 1M€, pola que tamén se está facendo entrega de 26 tendas de campaña para emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas, 6 remolques de emerxencias e estes 19 vehículos tipo-pick para que os operarios de Protección Civil poidan moverse en todo tipo de terreos e así facilitar as actuacións que habitualmente realizan na axuda da veciñanza.
O titular da Vicepresidencia primeira salientou que os voluntarios de Protección Civil son un piar fundamental na atención as emerxencias tanto nas tarefas de prevencións como en apoio ás intervencións sendo moitas veces os primeiros en chegar, de aí a importancia que poidan contar co equipamento necesario para velar pola seguridade dos cidadáns nas mellores condicións ofrecendo a mellor resposta ante calquera incidencia coa maior eficacia posible.
Esta orde dotada con 1M€ en equipamento a este colectivo inclúese nos máis de 11M€ investidos nos últimos anos para dotar do material necesario a estas agrupacións e que se completa con outras axudas para gastos de funcionamento das agrupacións de Protección Civil. Unha liña na que mantemos o investimento de 340.000 euros neste 2022 e que nos últimos anos acadou un investimento de máis de 4M€. Polo tanto, máis de 15M€ destinados ao reforzo do equipamento dos nosos voluntarios de Protección Civil e a apoiar o mantemento da actividade destas agrupacións
Axudamos, por tanto, a que todas as AVPC conten, por un lado, co equipamento imprescindible para o seu funcionamento, pero tamén facemos o mesmo cos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con máis de 9,3M€. De aí que o investimento en material de material cedido aos concellos galegos supera xa os 21,3M€.
Na provincia de A Coruña recibiron vehículo, os concellos de Boimorto, Camariñas e Dumbría. Na de Lugo, O Saviñao e O Vicedo; na de Ourense, Calvos de Randín, Entrimo, Gomesende, Petín, San Cristovo de Cea, Sandiás, Toén, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo. E na de Pontevedra, Catoira, Meis, Salceda de Caselas, Tui e Vila de Cruces.

Imaxes relacionadas