A Xunta destina preto de 100.000 euros a arranxar camiños municipais do concello lucense de Chantada afectados polo pedrazo

As obras -enmarcadas no Plan de Infraestruturas Rurais da Consellería do Medio Rural- localízanse nas parroquias de San Fiz de Asma e Santa María de Pesqueiras

Incidirán na capa de rodaxe e noutro tipo de melloras para asegurar a circulación por estas vías con todas as garantías

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022

A Consellería do Medio Rural está a investir preto de 100.000 euros no arranxo de diversos camiños municipais do concello lugués de Chantada, afectados pola treboada de pedrazo que no pasado ano 2021 tamén prexudicou a varios viticultores da zona.

Executadas no marco do Plan de Infraestruturas Rurais da Consellería, as obras localízanse nas parroquias de San Fiz de Asma e Santa María de Pesqueiras. En concreto, trátase de mellorar a capa de rodaxe de parte dalgúns camiños municipais, entre outras tarefas para asegurar a circulación por estas vías con todas as garantías.

Así, durante os traballos abordarase a limpeza e perfilado de cunetas para aumentar a súa funcionalidade como guía das augas, co fin de poder conservar mellor as vías. Unha vez realizadas estas obras, acometerase unha mellora da explanación da pista para posteriormente incorporar o pavimento definitivo.

Nese senso, usarase unha base de balastro para mellorar a capa de rodaxe e, nos tramos de maior pendente, tamén se aplicará formigón. A maiores, os traballos financiadas pola Xunta inclúen a substitución dun cano de formigón danado.

Cabe engadir que esta encarga da Consellería do Medio Rural responde ás necesidades detectadas tras a treboada de sarabia que afectou distintas parroquias do concello de Chantada o ano pasado, causando estragos en cultivos de vide pero tamén en infraestruturas rurais como as que se están a arranxar.