Emigración finaliza a súa visita a Caracas na que puido comprobar o óptimo funcionamento da rede de apoio social dos centros galegos e as institucións españolas coas que colabora a Xunta

Esta rede de apoio beneficiou a máis de 10.000 familias galegas durante os anos de pandemia

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral deste departamento, recordou que entre as axudas á emigración e ao retorno, destináronse a Venezuela máis de 6,5M€ nos últimos dous anos
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, finalizou a súa visita a Caracas tras comprobar como a aportación da Xunta beneficiou a máis de 10.000 galegos neste país nos dous anos de pandemia.
Miranda aproveitou a visita a la capital del país caribeño para visitar a Hermandad Gallega de Venezuela e comprobar o funcionamento tanto do seu centro de día como da oficina social que colabora na tramitación de axudas e solicitudes dos galegos residentes neste país.
O secretario xeral tamén mantivo diversos encontros tanto con autoridades españolas no país como cos representantes das entidades galegas de toda Venezuela co obxectivo tanto de potenciar a coordinación entre institucións como de coñecer as necesidades actuais dos galegos.
Finalmente, Antonio Rodríguez Miranda tamén ofreceu unha charla informativa ante os socios da Hermandad Gallega de Venezuela para informarlles tanto da actual convocatoria de bolsas de Excelencia Mocidade Beme que permiten a 250 galegos do exterior realizar un máster nunha universidade galega, como doutras liñas de axuda para facilitar o retorno a Galicia.
Antes de emprender o voo de regreso, o secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión co CRE de Venezuela co que seguiu a analizar a situación da colectividade galega no país.
Neste senso, o secretario xeral da Emigración recordou que tanto a través de liñas destinadas á emigración como ao retorno a Galicia, a Xunta destinou nos últimos dous anos máis de 6,5 millóns de euros, “o que ven a demostrar o alto nivel de implicación do Goberno da comunidade autónoma cos galegos de Venezuela, xa que somos conscientes das moitas necesidades sociais e económicas xurdidas nestes anos a causa da pandemia e da delicada situación do país”.
 

Imaxes relacionadas