O Proxecto europeo Nor-Water acada avances na identificación dos contaminantes emerxentes presentes en augas de Galicia e do Norte de Portugal

Os resultados desta acción permitirán implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes compostos nos ecosistemas costeiros e fluviais e contribuirán a mellorar a eficiencia das estacións depuradoras de augas residuais

As conclusións desta acción presentáronse nunha conferencia celebrada esta semana na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, membro do consorcio xunto ao Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e cinco institucións portuguesas

Vigo, 19 de marzo de 2022

A mellora e deseño de novos métodos de identificación dos contaminantes emerxentes presentes nas augas superficiais costeiras e fluviais de Galicia e do Norte de Portugal é un dos principais avances acadados polo proxecto europeo Nor-Water, que tamén permitiu desenvolver ferramentas para mitigar a presenza destes compostos nos ecosistemas. De feito, os resultados do proxecto permitirán implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes elementos e mellorar a eficiencia das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Galicia e do norte de Portugal.
Os responsables desta investigación presentaron esta semana os principais resultados do seu traballo nunha conferencia celebrada na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar. O organismo investigador dependente da Consellería do Mar é socio de Nor-Water xunto ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) -tamén dependente do Executivo galego-, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e cinco centros de investigación portugueses.
Os integrantes do proxecto centraron os seus esforzos nos últimos tres anos en desenvolver novos métodos analíticos e ferramentas de predición e modelado para os contaminantes emerxentes máis prexudiciais para os ecosistemas así como fórmulas para mellorar a eficacia dos sistemas de tratamento para a súa eliminación.
As zonas obxecto de estudo no marco de Nor-Water foron as costas e ribeiras fluviais do sur de Galicia e do norte de Portugal, concretamente a ría de Vigo, os ríos Miño e Limia nas súas vertentes galega e lusa, e os ríos Ave e Cávado. Ao mesmo tempo foron seleccionadas seis estacións depuradoras de augas residuais para o seu estudo.
Despois da recollida de datos sobre os usos e presións humanas presentes nas zonas sinaladas e da elaboración dunha base de datos de máis de 3.500 elementos a investigar, leváronse a cabo campañas de identificación de compostos nesas augas que levaron á selección de 52 residuos para a súa monitorización tendo en conta criterios de persistencia no medio, mobilidade e frecuencia de aparición, entre outros aspectos. O obxectivo foi coñecer con detalle a súa eliminación nos sistemas de depuración e avaliar potenciais riscos para futuros desenvolvementos da Directiva Marco da Auga.
Os expertos de Nor-Water realizaron así tres campañas de mostraxe en 2021 cun total de cen mostras nas que constataron a presenza de distintos contaminantes emerxentes. De feito, xunto aos diferentes estudos para a transformación dos compostos detectados e para a mellora dos sistemas de tratamento de augas residuais, desenvolvéronse tres prototipos de fotoreactores para a degradación de contaminantes emerxentes mediante procesos de oxidación avanzados, ozonización e filtración por membranas para o tratamento terciario de augas residuais urbanas.
As tecnoloxías desenvolvidas permitirán unha remoción superior a 80% de 15 dos 19 contaminantes de interese emerxente seleccionados, obtendo unha auga tratada que podería ser empregada con fins de irrigación. Neste sentido, un dos fotoreactores (FluHelik) está sendo testado a escala preindustrial na EDAR do río Ave co apoio da empresa Efacec.

Educación ambiental

Ademais das actividades de estudo, seguimento, modelado e remoción de contaminantes, o consorcio Nor-Water levou a cabo accións de educación ambiental e de sensibilización, con formacións en centros escolares do sur de Galicia e das localidades portuguesas de Vila Nova de Cerveira e Viana do Castelo.
Neste ámbito, os profesionais desta iniciativa elaboraron un caderno de contaminación fluvial e publicacións sobre os valores naturais do río Miño e os contaminantes emerxentes no ambiente, ademais dun vídeo divulgativo sobre esta temática (dispoñibles en formato dixital na web do proxecto), exposicións itinerantes e 26 publicacións científicas cos resultados da investigación.
Finalmente, constituíuse a Rede Nor-Water como un foro de colaboración multidisciplinar público-privada no ámbito dos contaminantes emerxentes, con capacidade operativa e proactiva para facilitar a cooperación entre usuarios e actuar como impulsor de iniciativas nesta temática, unha rede que manterá a súa actividade mais aló da vida do proxecto, que remata no mes de abril.
Esta rede aglutina a 41 entidades -13 de Portugal e 28 de España- tales como organismos de investigación especializados na contaminación e calidade das augas, empresas de depuración e desenvolvemento de tecnoloxías de control e seguimento, administracións responsables da xestión de augas e asociacións e organizacións non gobernamentais que desenvolven actividades de educación ambiental e sensibilización.

Integrantes do proxecto

O proxecto Nor-Water, financiado a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (Poctep), desenvolveuse mediante un consorcio coordinado polo Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto, coa participación do Cetmar, do Intecmar e da USC.
Tamén forman parte do grupo investigador a Axencia Portuguesa do Ambiente, a Administración de Rexión Hidrográfica do Norte de Portugal, as Cámaras Municipais de Viana do Castelo (o Centro de Monitorización e Interpretación Ambiental) e Vila Nova de Cerveira (Aquamuseo do Río Miño) e a Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto.
Tamén foi relevante a participación do panel consultivo, constituído por Augas do Norte de Portugal, a firma Efacec, Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.