O Sergas presenta aos sindicatos os principais puntos do futuro Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria

Achegáronse datos de poboación atendida e ratios de paciente/profesionais, a partir das tarxetas sanitarias adscritas. Así por exemplo, en médico de familia a media é de 1.251 pacientes asignados por profesional, sendo de 845 en pediatras e de 1.409 en enfermería, unhas cifras que melloran a media do Sistema Nacional de Saúde

Así mesmo, o Sergas incidiu na necesidade de ampliar os criterios actuais obxectivos para identificación de postos de difícil cobertura para, deste xeito, poder incentivar a súa provisión

Outro dos asuntos abordados na Mesa Sectorial celebrada hoxe foi o da regulación das condicións de traballo da nova categoría de facultativo especialista de atención primaria

Como complemento ao punto anterior, o Servizo Galego de Saúde presentou a convocatoria do proceso selectivo para acceder á condición de persoal estatutario fixo da devandita categoría de facultativo especialista de atención primaria

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

No día de hoxe tivo lugar unha sesión da Mesa Sectorial de negociación do Servizo Galego de Saúde, na que se abordaron varios temas relacionados coa atención sanitaria de primeiro nivel.

O primeiro deles referiuse ao futuro Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria. A administración sanitaria presentou e analizou os principais datos que se incorporarán ao futuro plan, divididos por bloques de materias, entre os que cabe destacar os do cadro de persoal das distintas categorías que prestan servizos na atención primaria (como médico de familia, pediatra, odontólogo, enfermaría, persoal de servizos xerais (PSX) ou de traballo social).

Outro dos bloques inclúe a análise do absentismo por incapacidade temporal (11,37% no pasado mes de xaneiro) e a súa evolución dende o ano 2012.

Por outra banda, achegáronse datos de poboación atendida e ratios de paciente/profesionais, a partir das tarxetas sanitarias adscritas. Así por exemplo, en médico de familia a media é de 1.251 pacientes asignados por profesional, sendo de 845 en pediatras e de 1.409 en enfermería. Unhas cifras que melloran a media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, o Sergas incidiu na necesidade de de ampliar os criterios actuais obxectivos para identificación de postos de difícil cobertura para, deste xeito, poder incentivar a súa provisión.

Por vez primeira a documentación está compartida nun contorno informático (Sharepoint) ao que poden acceder, en calquera momento, as organizacións sindicais, que foron emprazadas para facer as súas achegas e alegacións, que serán tidas en conta pola Administración á hora de facer a súa proposta de medidas para incorporar ao plan, en base aos datos presentados hoxe.

Regulación das condicións de traballo da nova categoría de facultativo especialista de atención primaria

Tamén no transcurso da xuntanza de hoxe presentouse o desenvolvemento das condicións laborais previstas na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia. Os lugares de prestación de servizos destes novos profesionais serán os centros de saúde e os PAC respectivos, segundo o ámbito territorial acoutado para cada centro sanitario. Eses centros, xunto coas quendas de traballo correspondentes, concrétanse na convocatoria do proceso selectivo para cada unha das prazas dotadas e ofertadas nel.

Na proposta abórdanse os principais aspectos relativos á xornada deste colectivo, incluíndo materias tales como gardas, garantías e réxime de descansos, libranzas, calendarios de traballo ou a transición dos horarios de traballo entre centros de saúde e PAC. Cómpre salientar que estes profesionais realizarán a súa xornada ordinaria nos respectivos centros de saúde e, ademais, a xornada complementaria ou continuada que proceda en cada PAC (nun tramo entre 280 e 550 horas anuais), así como as gardas localizadas que se establezan dentro do distrito sanitario de destino, para a cobertura das ausencias imprevisibles nas fins de semana e días festivos. No documento tamén se desenvolven aspectos relativos ás retribucións, a carreira profesional ou a mobilidade do colectivo.

Convocatoria do proceso selectivo para acceder á condición de persoal estatutario fixo na categoría de facultativo especialista de atención primaria

Como complemento do punto anterior presentouse na Mesa a convocatoria do proceso selectivo para acceder á condición de persoal estatutario fixo na categoría de facultativo especialista de atención primaria, no marco da antedita lei e na que se aplicará como novidade a selección polo sistema de concurso.

O número total de prazas que se convocarán é de 106, das cales 73 corresponden á quenda de acceso libre, 6 resérvanse para o seu acceso por persoas con discapacidade e 27 para promoción interna.

Como novidade, o baremo de méritos proposto inclúe a avaliación do período de formación polo sistema de residencia (MIR) para a obtención do título de especialista en medicina familiar e comunitaria, baseándose nos resultados anuais ponderados de conformidade coa normativa reguladora do dito sistema. Recolle, ademais, unha puntuación específica por ter prestado servizos como persoal residente en formación na devandita especialidade durante a situación de emerxencia sanitaria orixinada pola covid-19.

Dado o carácter excepcional do proceso e coa finalidade de dotalo da máxima axilidade e acadar a maior participación de aspirantes, a proposta recolle que os requisitos de titulación poidan acreditarse ata o último día do prazo de reclamacións contra a lista provisional de persoas admitidas ao concurso. O resto de requisitos de participación deberán reunirse e acreditarse na data na que finalice o prazo de presentación de instancias.

En canto aos méritos, poderán computarse todos os causados ata o día inmediato anterior á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, prevista, unha vez que se aprobe tras debater as achegas sindicais, para o vindeiro mes de abril.
 

Imaxes relacionadas