A Xunta abre o prazo de solicitude das prácticas en asuntos europeos na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

O DOG publica hoxe a convocatoria de catro bolsas, das que dúas delas están relacionadas coa formación de asuntos comunitarios, outra coa comunicación das políticas comunitarias, ademais dunha bolsa para a realización de prácticas de apoio administrativo

Tamén se publica outra convocatoria dunha bolsa en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación

As solicitudes poderán enviarse a través da sede electrónica da Xunta ata o 18 de abril

O obxectivo destas 5 bolsas formativas, dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional, é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural

Bruxelas, 18 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria de catro bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade da mocidade, ademais doutra no ámbito da innovación e a investigación.

As cinco bolsas formativas convocadas desenvolveranse na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. Dúas están destinadas ao seguimento dos asuntos relacionados coas políticas europeas que máis afectan a Galicia, unha á comunicación das políticas comunitarias, outra ao secretariado e ao apoio administrativo e outra ao seguimento das políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación. A diferenza das outras catro bolsas que contan cunha duración de 11 meses, a bolsa de prácticas no eido da I+D+I ten unha duración de 12 meses.

Para as bolsas de seguimento dos asuntos europeos de máis interese para Galicia valorarase, preferentemente, as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas e da Administración, Xornalismo ou Comunicación e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais.

A bolsa de comunicación está destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas e a de secretariado e apoio administrativo a persoas cun título de técnico superior de Formación Profesional pertencente ao ramo de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).

No caso da bolsa destinada ao seguimento de políticas e programas europeos no ámbito da I+D+I valoraranse preferentemente as titulacións relacionadas coa rama de coñecemento das Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación completa das solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión. Así mesmo, no caso da bolsa de I+D+I requírese unha acreditación dun nivel B2 en lingua inglesa. No resto das bolsas de formación, o feito de acreditar dominio de idiomas -inglés e/ou francés- será valorado positivamente como méritos.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes coa documentación requirida ata o 18 de abril de 2022 (inclusive), data na que se pecha o prazo oficial de presentación de candidaturas.

As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.