A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe en Santiago unha reunión co rexedor, Juan Manuel Rey

A Xunta financiará o 60% das obras para completar a rede municipal de sumidoiros en Paradela e o saneamento no lugar do Reguengo, en Caldas de Reis

Augas de Galicia remitirá ao Concello o convenio de colaboración para impulsar a execución da II e da III fase das obras de mellora da rede de sumidoiros en Paradela, na parroquia de Santa María de Bemil, e o saneamento de augas residuais no Reguengo, en Santa María de Godos

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financiará o 60% do investimento nas obras que completarán a rede municipal de sumidoiros no núcleo de Paradela e as actuación de mellora do saneamento das augas residuais no lugar do Reguengo, no concello de Caldas de Reis.

Así llo trasladou a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, na reunión mantida esta mañá nas dependencias da entidade hidráulica da Xunta, en Santiago.

Trátase da execución das obras da II e da III fase da rede de sumidoiros en Paradela, na parroquia de Santa María de Bemil, así como dos traballos de mellora do saneamento de augas residuais no lugar do Reguengo, na parroquia de Santa María de Godos.

Teresa Gutiérrez informoulle que a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais, para o que remitirá proximamente á entidade local a proposta de convenio de colaboración para a súa aprobación e posterior sinatura.

Segundo o acordado no encontro, o texto do convenio establecerá o marco de colaboración entre a Xunta e o Concello, asumindo Augas de Galicia o 60% do investimento das obras, e o 40% a administración local.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.