A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o director da Axencia Galega de Infraestruturas abordaron coa Federación Galega da Construción o impacto do paro do transporte e da crise de materiais nas obras públicas

A Xunta apoia ao sector galego da construción na demanda de medidas urxentes ao Goberno de España ante unha situación que ameaza miles de empregos e impide a recuperación económica

O Goberno galego e os representantes da construción pasaron revista á situación das obras afectadas pola falta de materiais como o aceiro, o ferro ou as tubaxes, que impide o avance na execución

Reclaman ao Goberno medidas que garantan a viabilidade das obras públicas, con maior flexibilidade para a revisión de prezos e para os prazos de finalización

Ethel Vázquez advirte das consecuencias deste paro na execución dos fondos europeos de recuperación e no impulso de obras estratéxicas como as infraestruturas hospitalarias

Lembra que a invasión de Ucraína e o paro do transporte leva ao extremo os problemas xurdidos hai máis dun ano coa crise de prezos dos materiais

A Xunta foi pioneira na adopción de medidas para achegar certeza ás obras públicas ante a inacción do Goberno de España, que agora ameaza con recorrer a iniciativa do Executivo galego
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou hoxe o apoio da Xunta ao sector galego da construción na demanda de medidas urxentes ao Goberno ante unha situación que ameaza miles de empregos e impide a recuperación económica.

Vázquez Mourelle, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha reunión urxente co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e cos representantes das asociacións provinciais do sector para abordar as consecuencias do paro do transporte de mercadorías e da crise de materiais na súa actividade.

A Xunta e o sector reclamaron ao Goberno medidas que garantan a viabilidade das obras públicas, con maior flexibilidade para a revisión de prezos e para os prazos de finalización.

Ethel Vázquez destacou a preocupación da Xunta, pois desde o estoupido da pandemia apostou pola dinamización das obras públicas como unha fórmula para manter viva a economía e paliar o impacto da crise sanitaria sobre o emprego.

Neste sentido, indicou que ademais do impacto no emprego, esta situación leva a perder tempo na execución de infraestruturas fundamentais para o progreso económico e social de Galicia, xa que unha parte importante deses investimentos se dedican a reforzar as instalacións da sanidade pública ou construír ou ampliar hospitais.

Medidas pioneiras da Xunta

A conselleira recordou que os problemas no sector da construción xa existen desde hai un ano por mor da crise de prezos das materias primas que a invasión de Ucraína agravou, ao provocar a suba desbocada da enerxía e dos combustibles e agora rematada co paro.

Ante este escenario, a conselleira reiterou que o Goberno de España non pode permanecer inactivo por máis días e debe actuar, tal como vén facendo a Xunta, que foi pioneira en lexislar para garantir a viabilidade das obras públicas, achegando certezas ao sector.

Puntualizou que o Goberno chegou tarde a ese problema, aprobando en febreiro un Real Decreto para as obras públicas, que a día de hoxe xa quedou obsoleto pola súa falta de perspectiva de futuro.

Indicou que ademais o Executivo estatal vén de presentar un recurso contra a norma da Xunta, atacando desa forma ao propio sector da construción, ao que lle corta as saídas á crise.

Concluíu que agora, ante este paro do transporte, o Goberno de España segue impasible, ignorando os graves prexuízos que se están a xerar en todos os ámbitos
 

Imaxes relacionadas