A Xunta e Apetamcor demandan ao Goberno de España que declare corredores seguros de transporte para servizos esenciais e dialogue coa plataforma que promove o paro

O Goberno galego comparte a preocupación pola asfixia do sector do transporte, debido á escalada de prezos dos carburantes que os obriga a traballar a perdas

Ante o actual escenario de emerxencia, Xunta e Apetamcor chaman ao Goberno central a acadar unha saída dialogada ao colapso que está a causar danos que poden ser irreparables

Solicitan que os corpos de seguridade do Estado, incluído o Exército, actúen para impedir os actos violentos, garantir o abastecemento e asegurar que quen queira traballar poida facelo

Urxen a desbloquear esta situación insostible para a gandería, que ve impedidas a saída do leite e a carne das explotacións e a chegada de alimentos para os animais, así como para a pesca, ao estragarse toneladas de peixe, e ocasionar problemas ambientais e para a saúde pública
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

A Xunta e Apetamcor demandan ao Goberno de España que declare corredores seguros de transporte para servizos esenciais e sente a dialogar coa plataforma que promove o paro.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro do Medio Rural, José González, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes da asociación de transportistas por estrada Apetamcor, que secunda o paro en Galicia e ten 1.300 asociados, para abordar a situación.

O Goberno galego comparte a preocupación pola situación de asfixia que o sector do transporte de mercadorías está a padecer desde hai xa moitos meses, fundamentalmente pola escalada de prezos dos carburantes que os obriga a traballar a perdas.

Non obstante, neste escenario de emerxencia, Xunta e Apetamcor chaman ao Goberno central a adoptar medidas inmediatas que pasan por establecer corredores seguros para blindar os servizos esenciais e acadar unha saída dialogada que poña fin a este colapso que está a causar danos que poden ser irreparables na comunidade.

Na xuntanza, os representantes autonómicos e do sector do transporte tamén solicitaron ao Goberno de España que mentres manteña ese diálogo, os corpos de seguridade do Estado, incluído o Exército se é necesario, deben actuar para impedir os actos violentos, garantir o abastecemento e asegurar que quen queira traballar poida facelo.

Desbloquear o colapso

A Xunta urxe a desbloquear esta situación insostible que se está a producir en Galicia a consecuencia do paro do sector de transporte de mercadorías por estrada iniciado o luns.

Os representantes do Goberno galego manifestaron a súa preocupación polo actual escenario de colapso, ao supor graves consecuencias na cadea de subministración de produtos básicos para a poboación, entre eles produtos sanitarios.

Tamén trasladaron a súa inquedanza ante esta situación que está a poñer en xaque a practicamente todo o sector primario: a gandería e a pesca, estragándose cada día toneladas de peixe e impedindo a distribución e elaboración de produtos cárnicos.

Remarcaron que este paro está a pór en risco o benestar animal, ao impedir a chegada de alimento ás explotacións, así como a saída do leite das granxas.

Destacaron, ademais, que o actual contexto tamén pode causar problemas de saúde pública e ambientais ao impedir, por exemplo, a distribución de produtos sanitarios, depuración de augas residuais ou a retirada de lodos das plantas de tratamento.
 

Imaxes relacionadas