A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Ribeira para coñecer a súa situación ante o paro dos transportes

A Xunta urxe á Delegación do Goberno en Galicia a que actúe diante da parálise do sector primario e para que se declaren servizos esenciais na folga do transporte

O Executivo galego insta ao Goberno central a que, dentro das competencias que lle corresponden, mobilice as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para escoltar aos transportistas que non secundan o paro

O Goberno galego considera fundamental asegurar tanto a chegada de alimentos ás explotacións como a saída do leite das granxas, así como dos produtos do mar das lonxas, non só pola súa repercusión económica, senón pola supervivencia e o benestar dos animais no caso das explotacións

A Xunta insiste en reclamar á Delegación do Goberno que estableza servizos esenciais coa plataforma que convoca a folga, que terán que incluír aqueles necesarios para o correcto funcionamento do sector agroalimentario galego

Ribeira (A Coruña), 18 de marzo de 2022

O Goberno galego urxe á Delegación do Goberno en Galicia para que, dentro das competencias que lle corresponden, actúe mobilizando ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir que se declaren servizos esenciais na folga de transportes e que se facilite tanto a chegada de alimentos ás explotacións gandeiras, así como a saída do produto destes establecementos e tamén das lonxas. Así o expuxo hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita realizada á lonxa de Ribeira para coñecer a súa situación ante o paro dos transportes.

As consellerías do Mar e do Medio Rural, que seguen coa máxima atención e con moita preocupación a evolución dos acontecementos, manteñen un contacto permanente con todos os axentes do sector primario, que están alertando sobre a gravidade da situación e a parálise da actividade. Neste sentido, segundo explicou Rosa Quintana, o Goberno galego insiste en demandar á Delegación do Goberno que ordene á Garda Civil que escolte os transportistas que non secundan a folga, para que poidan traballar. A Xunta advirte de que esta non é unicamente unha cuestión económica senón que atinxe tamén á supervivencia dos animais e ao seu benestar.

Ademais, o Executivo galego reclama accións urxentes, porque, no caso do sector pesqueiro, hai mercadoría que permanece almacenada nas lonxas sen poder saír para comercializarse nos principais mercados debido ao paro indefinido dos transportes. Isto tamén provoca, engadiu a titular de Mar, que haxa barcos amarrados con peixe a bordo debido a que as cámaras frigoríficas das lonxas están ao límite da súa capacidade.

En canto ás granxas, os animais non poden agardar e precisan alimentos todos os días, ademais de seren muxidos. Por iso é esencial que os camións cheguen ás explotacións para facilitar o alimento e, no caso do leite, é preciso que se garanta a súa recollida, xa que estamos a falar de produtos perecedoiros.

Ademais, o Goberno galego insiste en reclamar á Delegación do Goberno que estableza coa plataforma que convoca a folga os servizos esenciais necesarios para o correcto funcionamento do sector agroalimentario galego.

Por outra banda, a Xunta tamén considera urxente asegurar que as lonxas e as industrias lácteas poidan dar saída ao seu produto, co fin de que estean en condicións de recoller e almacenar os seus produtos. Ao tempo, cómpren outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e outros insumos claves para o sector primario.

Imaxes relacionadas