A Xunta asina o contrato de patrocinio de 5.000 euros para a Vig-Bay que neste 2022 regresa con tres distancias

A doce días do peche de inscricións, a carreira conta con 6.200 atletas, dez veces máis que os corredores que tomaron a saída na primeira edición do ano 2000

Vigo, 18 de marzo de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, asinaron na mañá de hoxe co responsable do Club de Corredores Vig-Bay, Eduardo Vieira, o contrato de patrocinio polo que a Xunta de Galica destina un total de 5.000 euros á realización da XXI edición da Vig-Bay que o vindeiro 10 de abril unirá as localidades de Vigo, Nigrán e Baiona en tres modalidades diferentes.
Lete Lasa destacou a importancia de que, despois de dous anos sen poder celebrarse -2020 e 2021-, a Vig-Bay retome a súa posta de largo cun desafío tan importante como organizar a 2ª edición da maratón (42.195 metros), a 21ª edición da medio maratón (21.097,50 metros) e a 1ª da mini bay (10.548,75 metros), ofrecendo unha posibilidade de competición para todos os públicos. O secretario xeral identificou este rexurdir da gran proba atlética galega como unha metáfora do comportamento do deporte galego na pandemia que, tras dous anos de estrito cumprimento de protocolos e medidas de protección, "volve recuperar a súa normalidade con máis forza que nunca". Neste sentido, destacou que o lema da Vig-Bay, "a toda costa", e o seu emblema, as ás que reflicten a superación persoal, teñen moito que ver cos valores do deporte galego como a resiliencia e o sacrificio.
O mandatario galego tamén destacou a experiencia da Vig-Bay que o 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a súa primeira edición con 613 corredores. Nesta vixésimo primeira edición e a a doce días do peche do prazo de inscricións, a Vig-Bay xa conta con dez veces máis de participantes, acadando por agora os 6.200 atletas. De todos eles, o 78% son homes e o 22% mulleres, cun 22% de participantes de fóra de Galicia.

Imaxes relacionadas