A Xunta destaca que o obradoiro compostelán de percusión tradicional Sanín reflicte o vínculo entre turismo, artesanía, tradición e innovación

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá este taller artesán localizado ao pé do Camiño Francés, especialmente coñecido polos deseños das súas pandeiretas

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o obradoiro Sanín Percusión Tradicional, en Santiago de Compostela. Durante a súa visita, Heredia destacou a relevancia dos profesionais da marca Artesanía de Galicia no turismo de Galicia e na proxección exterior da cultura galega.

Heredia salientou que o obradoiro de percusión Sanín reflicte a relación entre tradición e innovación e entre artesanía e turismo. Localizado ao pé do Camiño Francés, a principal vía de chegada de peregrinos a Santiago de Compostela, este obradoiro artesanal aplica innovacións en deseños e en materiais a un oficio tan tradicional como son as pandeiretas e a percusión tradicional.
Sanín Percusión Tradicional é un obradoiro dedicado á elaboración, á investigación, ao desenvolvemento e á reparación de todo tipo de instrumentos de percusión tradicional de Galicia. Fundouse no ano 1990 e pertence á marca Artesanía de Galicia desde 2002.
O traballo deste obradoiro está recoñecido especialmente polas súas pandeiretas. Nestes instrumentos, o obradoiro deriva toda a súa creatividade e grazas a eles está a explorar novos camiños como a xoiería – da man da colaboración co obradoiro de xoiería Maysil – ou os complementos. Tradicional, de cores, estampada, tallada ou con cristais de Swarovsky, as súas creacións marcan o ritmo da innovación na percusión, vendendo os seus produtos en Euskadi, Cantabria, Cataluña, Estados Unidos, Xapón ou Australia.

Imaxes relacionadas