A Xunta destaca o importante legado do Circo da Artesáns nos seus 175 anos formando parte da historia viva da Coruña

A Coruña, 18 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no acto de celebración do 175 aniversario do Circo de Artesáns da Coruña. Na súa intervención puxo en valor a traxectoria desta entidade coruñesa fundada por Jorge José Yáñez o 19 de marzo de 1847 baixo o nome oficial de Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos.

Trenor destacou que esta entidade forma parte de historia viva da cidade da Coruña e conservala e preservala é unha obriga de todos, por iso subliñou que a Xunta seguirá apoiando aos seus socios para que este espazo emblemático da Coruña siga abrindo ás súas portas como hai 175 anos.

O representante do Goberno galego lembrou que “nas súas sedes se escoitaron palabras sabias como as de Casares Quiroga, Enrique Hervada García-Sampedro, Manuel Casás, Sofía Casanova que chegou a ser recoñecida como Socia de Honra , ou Félix Estrada Catoira, como algúns dos antes mencionados, presidente que foi desta casa e tenente alcalde desta nobre e leal cidade”.

Trenor destacou que mención aparte merece que grazas ao esforzo desta institución naceu a Cociña Económica. Neste senso, subliñou que “todos os coruñeses nos sentimos profundamente orgullosos do que é e do que representa a Cociña Económica, pero non estou tan seguro de que todos saiban que o estandarte da filantropía coruñesa naceu tamén aquí, no transcurso dalgunhas xuntas da Reunión Recreativa e Instructiva, por iniciativa do seu fundador, Teodoro Baró, Gobernador Civil da provincia; e formando parte da comisión fundacional o doutor Ramón Pérez Costales o doutor Moragas por obra e graza de Emilia Pardo Bazán, mecenas do adolescente Pablo Ruiz Picasso e o político Antonio Lens Vieira, quen tamén chegou á Alcaldía”.

O delegado da Xunta apuntou que o Goberno galego está comprometido con esta institución e coas súas necesidades. “O Circo de Artesáns ten que subirse ao tren da cidade; diagnosticar as súas teimas e convertelas nas de todos. Para iso poden contar coa nosa plena colaboración” rematou.
 

Imaxes relacionadas