A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou da licitación das obras, que contan cun prazo de 18 meses, e ás que as empresas poden presentar ofertas ata o 18 de abril

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de máis de 1,7 M€ na nova senda e na mellora da seguridade na PO-308 entre Fontenla e Combarro, en Poio, cuxas obras se iniciarán en setembro

Construirase un itinerario de máis de 1,6 km e actuarase no treito de concentración de accidentes en Fontenla mellorando as interseccións para o calmado do tráfico

Trátase de intervencións que redundarán na mellora da seguridade viaria e que favorecerán os desprazamentos a pé dos veciños de xeito cómodo e seguro nunha vía que rexistra un tráfico intenso, unha media de 12.000 vehículos/día

Poio (Pontevedra), 18 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de máis de 1,7 M€ na nova senda e na mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio, cuxas obras se iniciarán en setembro.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, trasladouse está mañá á contorna da área da Seca, en Poio, para informar la licitación, hoxe, desta nova actuación na vía autonómica ao seu paso polo municipio pontevedrés.

A conselleira precisou que as empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 18 de abril para presentar as súas ofertas. Posteriormente, continuarase cos trámites necesarios para iniciar os traballos en setembro, cun prazo de execución de 18 meses. Explicou que a Xunta xa está a avanzar no proceso expropiatorio: en febreiro procedeuse ao levantamento de actas previas, e en abril, os días 19 e 20, están convocados os actos para a formalización das actas de ocupación.

A actuación na PO-308 consiste na construción dunha nova senda no treito entre Fontenla e Combarro, ademais de intervencións para eliminar un treito de concentración de accidentes existente na zona de Fontenla.

Trátase, tal e como subliñou a conselleira, dunha intervención que redundará na mellora da seguridade viaria e favorecerá que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro por esta vía autonómica que soporta un tráfico elevado, especialmente no verán, unha media de 12.000 vehículos/día.

Segundo detallou, habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, de algo máis de 1,6 km de lonxitude. O itinerario discorrerá, na maior parte, pola marxe esquerda da vía, aínda que tamén se executará un pequeno treito pola marxe dereita, entre a glorieta existente e o acceso ao IES de Poio.

A senda, que irá paralela á PO-308, terá un ancho mínimo de 2,2 metros, estará separada da estrada por un bordo de formigón e irá sobreelevada uns 10 centímetros, para garantir maior seguridade. Para salvar o rego da Cancela, executarase unha pequena pasarela en voadizo e habilitarase un novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca.

Completarase a actuación coa adaptación da rede de drenaxe e as canalizacións de abastecemento, electricidade e iluminación. Ademais, dotarase o itinerario de zonas axardinadas, con rego na zona do miradoiro.

Tamén se instalará mobiliario urbano: bancos de madeira, papeleiras e unha fonte. Ademais, disporanse 4 novas marquesiñas nas paradas de autobús e colocarase varanda de protección na pasarela sobre o rego da Cancela, así como un valo de madeira na senda que conecta co parque da Seca e na zona do miradoiro.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que de xeito coordinado coas obras deste novo itinerario de uso mixto, reforzarase a seguridade viaria, actuando para eliminar o treito de concentración de accidentes existente na PO-308, en Fontenla.

Baixo o contrato licitado hoxe melloraranse as interseccións dese treito, entre elas a de acceso ao IES de Poio, con intervencións para ampliar o abanico de xiro, e que os xiros sexan menos bruscos e máis seguros. Tamén se reducirán os xiros á esquerda, dispoñendo cuñas de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións á estrada; e habilitando 2 glorietas, unha delas de acceso á zona da Seca. Estas medidas, xunto coa redución de velocidade, contribuirán ao calmado do tráfico neste treito.

Ethel Vázquez remarcou que este novo investimento da Xunta para a mellora da PO-308 en Poio, se vén sumar aos 4,3 M€ investidos na senda entre O Covelo e Raxó e na mellora da seguridade ata o miradoiro da Granxa. Avanzou, ademais, que a este investimento se engadirá o da mellora da estrada entre Combarro, Chancelas e Samieira, que se sacará de novo a información pública este ano, cun proxecto mellorado.

Puxo en valor o esforzo investidor que está a facer a Xunta, con 16,8 M€ mobilizados nos últimos 5 anos para mellorar e facer máis humana a PO-308, aos que se sumarán, a curto prazo, máis de 2,9 M€ levar a cabo as actuacións hoxe licitadas e a mellora da estrada entre Combarro, Chancelas e Samieira, tamén en Poio.

Deste xeito, a titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse ao investimento da Xunta de case 20 M€ nun amplo conxunto de actuacións, xa en servizo ou en proxecto, para que esta estrada PO-308 sexa máis segura e funcional, converténdoa en referencia de seguridade viaria nas vías de titularidade autonómica.

Imaxes relacionadas