A Xunta realizou melloras no centro de saúde de Rianxo cun investimento de máis de 45.000 euros

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras de mellora da climatización e de reforma dos patios interiores, entre outras actuacións

O obxectivo destas achegas é mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e facilitar o seu uso por parte dos veciños

A poboación de Rianxo conta con cobertura de Hospitalización a Domicilio desde o pasado mes de febreiro

Na Área Sanitaria de Santiago leváronse a cabo obras de mellora en numerosos centros de saúde da provincia de A Coruña, como Boiro, Brión, Dodro, Mesía, Outes, Rianxo, Tordoia, Val do Dubra e en Santiago de Compostela en Concepción Arenal, Vite e Fontiñas por un importe de máis de 422.000 euros

Rianxo (A Coruña), 17 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e Eloína Núñez xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, supervisaron as obras de reforma realizadas no Centro de Saúde de Rianxo que contan cun investimento de máis de 45.000 euros. Así mesmo, mantiveron un encontro cos profesionais do centro de Saúde con motivo da recente posta en marcha da cobertura de Hospitalización a Domicilio para a poboación de Rianxo.

En canto ás obras, instalouse un novo sistema de climatización para minimizar o consumo enerxético e controlando o confort de cada zona, substituíuse o peche frontal da sala de caldeiras, reparáronse os patios interiores e renováronse os estores, ademais da colocación dun rótulo exterior identificativo do centro de saúde. Tamén se inclúe a división da zona de arquivo para crear dúas novas consultas.
O representante do Goberno galego puxo en valor este apoio económico da Xunta para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte do Goberno galego para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Rianxo.

Trenor apuntou tamén que na área sanitaria de Santiago o pasado ano realizáronse obras de mellora nos centros de saúde coruñeses de Boiro, Brión, Dodro, Mesía, Outes, Rianxo, Tordoia, Val do Dubra e en Santiago de Compostela en Vite, Fontiñas e Concepción Arenal (86.785 €) por un importe de máis de 422.000. Máis concretamente, na zona do Barbanza as actuacións de mellora realizáronse nos centros de saúde de Boiro, Outes e Rianxo e supuxeron un investimento de máis de 118.713 euros.

Hospitalización a Domicilio en Rianxo

A unidade de Hospitalización a Domicilio da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de ampliar a súa capacidade asistencial grazas ao incremento de persoal e a cambios organizativos. Así, coa incorporación de 3 profesionais (1 médico e 2 enfermeiras) desde finais do mes de febreiro a unidade de Hospitalización a Domicilio comezará a inclusión dos posibles candidatos a beneficiarse desta asistencia no concello de Rianxo.

As unidades de hospitalización a domicilio son unha opción asistencial que oferta aos pacientes uns coidados e servizos de calidade técnica semellante aos recibidos no propio hospital pero que teñen un matiz diferente ao prestar a atención sanitaria na propia contorna familiar.

É unha alternativa á hospitalización convencional que asiste no seu domicilio a pacientes con patoloxía aguda estable, pacientes crónicos reagudizados e a pacientes en situación paliativa avanzada e complexa que poden ser asistidos no seu domicilio. Deste xeito, os pacientes reciben os coidados na súa casa pero con supervisión de tipo hospitalario.

A hospitalización a domicilio persegue básicamente dous obxectivos: por unha banda, culminar o proceso de enfermidade do paciente no seu fogar, para o que se adianta a súa saída do hospital cando é posible, e, por outro, evitar estancias hospitalarias innecesarias, incrementando a capacidade de prestación de servizos do hospital.

Proporcionar coidados médicos e de enfermería a domicilio, mediante unha mellor integración entre paciente – familia – persoal sanitario, facilitar a continuidade asistencial entre Atención Primaria e hospital, mellorar a oferta de servizos e os índices de calidade, aumentar a adhesión e cumprimento dos tratamentos están entre as súas principais vantaxes.

A derivación de pacientes pódese facer desde os diferentes servizos hospitalarios ou desde Atención Primaria. A valoración de pacientes susceptibles de ingreso realizarase, a través de interconsulta, desde calquera servizo e serán os facultativos de HADO os encargados de valorar o cumprimento dos criterios de ingreso, que ademais do criterio clínico ten que figurar a aceptación do paciente e/ou a súa familia, contar cun informe sociofamiliar positivo e que haxa dispoñibilidade dun coidador para colaborar nos coidados do paciente.

Renovación de infraestruturas de Atención Primaria

Trenor lembrou que nos orzamentos da Xunta de 2022 prevese a reserva de 2,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade. Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas