A Xunta destaca o apoio na prevención, autoprotección e dotación de material para mitigar riscos ante situacións de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe en Ourense na clausura do 15º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia, que destacou como feira de referencia en materia de prevención de riscos laborais

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) estivo presente na feira cunha unidade móbil do seu Posto de Mando Avanzado destinado ás intervencións relacionadas con accidentes ou catástrofes

Santiago Villanueva sinalou que a Xunta revisa os plans de protección civil autonómicos, está a traballar nun novo decreto sobre Plans de Autoprotección de Galicia e leva investidos máis de 21M€ na cesión de equipamento para os servizos de emerxencias dos concellos
 

Ourense, 17 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe, na clausura en Ourense do 15º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia (Previsel), o traballo levado a cabo desde a Xunta no que se refire ao desenvolvemento da planificación das respostas ante situacións de emerxencias, así como o fomento da autoprotección e a dotación de medios de intervención aos servizos de emerxencias.

Na súa intervención no acto, ao que acudiu acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, sinalou tamén que esta feira Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos.

Nesta edición tamén participa a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) que se desprazou co seu Posto de Mando Avanzado. Trátase dunha unidade móbil coa máis moderna tecnoloxía para intervir en caso de accidente ou catástrofe como vén realizando nos últimos anos en todo o territorio da comunidade galega.

No que se refire á planificación, o director xeral de Emerxencias indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar. Nesta liña, o Goberno galego levou a cabo un importante traballo de revisión dos plans de protección civil autonómicos poñéndoos a proba con simulacros periódicos.

Ademais, en canto á autoprotección lembrou que Galicia conta desde 2012 co Rexistro de Plans de Autoprotección do que forman parte máis de 2.500 plans. Tamén se está a tramitar un novo decreto de Plans de Autoprotección de Galicia que permitirá actualizar o vixente aprobado en 2010.

A Xunta encargase a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da formación dos efectivos de servizos de extinción de incendios e salvamento, Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), Grupos de Emerxencias e Interior (GES), e corpos e forzas de seguridade para contar con profesionais ben preparados para actuar con eficacia ante calquera incidencia.

No caso das AVPC e os GES a Xunta destinou un investimento histórico destinado a renovar o equipamento destes servizos de emerxencias dos concellos con máis de 21 millóns de euros nos últimos anos. A esta partida súmanse máis de 14 millóns de euros no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

Imaxes relacionadas