A Xunta adxudica por máis de 275.000 euros as obras da senda peonil e ciclista na estrada AC-213 na Telva, en Cambre e Culleredo

Construirase un itinerario de 680 metros de lonxitude: 540 metros na vía AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro

As obras comezarán na primavera e terán un prazo de execución de 8 meses

En paralelo ao proceso de adxudicación, leváronse a cabo os actos expropiatorios, procedéndose ao levantamento de actas de ocupación esta mesma semana
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por un importe de 275.346 € as obras de construción da senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

Esta intervención de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria céntrase na execución dunha senda de 680 metros de lonxitude na marxe da estrada autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

Esta nova actuación, adxudicada á empresa Construcciones Cernadas, S.L., iniciarase nesta primavera, e conta cun prazo de execución de 8 meses. En paralelo ao proceso de adxudicación tramitouse a expropiación dos terreos, procedéndose ao levantamento de actas de ocupación esta mesma semana, o luns 14 de marzo.

Os traballos prevén a execución dun itinerario entre os puntos quilométricos 1+840 e 2+340, que se configurará en dous tramos diferenciados.

En concreto, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial DP-1702.

O outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorrerá en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, a actuación proxectada prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

Este contrato conta coa financiación dos fondos europeos Feder React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.