A Xunta e a Fundación Paideia renovan a súa colaboración a prol dunha maior profesionalización da música emerxente galega

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o vicepresidente de Paideia Galiza, Guillermo Vergara, asinan un convenio para a organización dun ciclo de xornadas sobre a industria musical e unha nova edición do concurso Sonidos Mans

Pontevedra acollerá a primeira das sesións dos encontros, que se estenderán tamén a Ourense e Vigo
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

A Xunta e a Fundación Paideia Galiza renovan a estreita colaboración que veñen mantendo nos últimos anos a prol dunha maior profesionalización no ámbito da música emerxente na nosa Comunidade. Con tal fin, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da devandita fundación, Guillermo Vergara, asinaron hoxe un convenio de colaboración, en virtude do que o Goberno autonómico contribuirá economicamente á organización dun novo ciclo de xornadas para profesionais da industria musical, así como da edición de 2022 do concurso Sonidos Mans.

A volta in-perfecta. O retorno da música na nova era será o título das xornadas deste ano, que arrancarán proximamente en Pontevedra e se estenderán ata o mes de xuño a Ourense e Vigo. Como en anteriores edicións, articularanse arredor de tres encontros con recoñecidos especialistas nos diferentes ámbitos de análise, para os que se contará, así mesmo, coas actuacións en acústico de diferentes bandas emerxentes galegas.

As xornadas están dirixidas tanto a artistas como ao resto de profesións vinculadas ao sector, como persoal técnico, managers ou programadores, co fin de afondar na capacitación e coñecemento sobre a evolución da industria musical a través do intercambio, a aprendizaxe, a reflexión e o debate.

En canto ao concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans, está previsto que a partir de abril comece a desenvolver as súas diferentes fases que culminarán coa elección dos grupos gañadores desta edición. Ademais de ofrecerlles aos galardoados a posibilidade de actuar en directo como parte dun circuíto de música e de gravar un traballo discográfico de xeito profesional, este certame busca lograr unha maior proxección e sensibilización social coa actividade musical emerxente en Galicia
 

Imaxes relacionadas