A Xunta adxudica por preto de 1 M€ as obras da senda peonil na estrada PO-549 no lugar de Corón, en Vilanova de Arousa

Reforzarase a seguridade viaria desta vía autonómica que conecta Vilanova e Vilagarcía de Arousa, regulando os espazos diferenciados para vehículos e para peóns

Os traballos contan cun prazo de execución de 9 meses e iniciaranse na primavera, co obxectivo de telos rematados neste mesmo ano 2022

Construirase un itinerario peonil, dotaranse prazas de aparcadoiro, estreitaranse os carrís e rehabilitarase a plataforma da vía na zona de actuación
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 992.268 € as obras de construción dunha senda peonil na estrada PO-549 ao seu paso polo lugar de Corón, no concello de Vilanova de Arousa.
Esta actuación, adxudicada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., iniciarase nesta primavera, co obxectivo de ter rematadas as obras neste ano, xa que contan cun prazo de execución de 9 meses.
As intervencións, no treito da vía que comunica os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, teñen como obxectivo regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos. A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE.

Este treito da estrada PO-549 presenta unha urbanización irregular, con zonas con beirarrúas e outras sen elas, e mesmo tramos nos que as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiro.

O proxecto obxecto do contrato adxudicado hoxe recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Ademais, construiranse ou renovaranse 3,27 quilómetros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, reducíndose a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.

Tamén se acometerán outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a reubicación e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros.

A intervención inclúe a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao longo dos treitos. Nos accesos ás vivendas e nas entradas ás fincas rebaixaranse os bordos.

Esta actuación da Xunta vén completar os treitos de sendas ou de beirarrúas xa executados recentemente nesta mesma estrada, en Deiro. Deste xeito, ao remate da actuación disporase dun itinerario continuo ao longo da PO-549 para desprazarase a pé de modo seguro entre Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, e tamén coa Illa de Arousa a través da senda na PO-307, o que suporá beneficiar a unha poboación de 70.000 persoas.