A Xunta adxudica por máis de 221.000€ as obras para dotar de abastecemento o núcleo de San Cristovo, no concello de Paderne de Allariz

A actuación enmárcase na colaboración entre a Xunta, que executará e financiará as actuacións achegando o 80%, e o Concello, que asumirá o 20% restante e o mantemento das instalacións

A intervención, cun prazo de 5 meses, consiste na execución dunha rede integrada por un bombeo, un depósito, a impulsión para levar a auga e unha rede en árbore para a súa distribución en San Cristovo

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades en materia de augas dun xeito eficiente
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

A Xunta adxudicou por máis de 221.000 euros as obras para dotar de abastecemento o núcleo de San Cristovo, no concello de Paderne de Allariz.

Esta actuación, adxudicada a Construcciones Cernadas S.L., enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz.

A Xunta, ademais de achegar o 80% do investimento, tamén se compromete a contratar, dirixir e executar as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses.

O Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

Actuacións

Na actualidade, Paderne de Allariz conta cunha rede de abastecemento que dá subministración a todos os núcleos do municipio, salvo ao de San Cristovo, que pertence á parroquia de San Salvador de Mourisco. Isto é debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo se abastece na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

O obxectivo das obras é achegar o servizo de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, a través da execución dunha rede de abastecemento que inclúe un bombeo, un novo depósito e a impulsión para levar as augas ata o novo depósito de subministración e unha rede en árbore para a súa distribución.

Esta actuación permitirá dar servizo a unha poboación fixa de 62 habitantes para o ano horizonte 2045.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades en materia de augas dun xeito eficiente.