A Xunta arranca en Vigo as actividades da mostra 'Percorrer o tempo' con reputados creadores visuais

A Premio Nacional de Fotografía Cristina de Middel e a galega Bandia Ribeira ofrecerán esta fin de semana un obradoiro para as persoas interesadas na práctica fotográfica, para os que xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes

Serán no Museo do Mar de Galicia o sábado 19 e o domingo 20 con inscrición previa e haberá unha conferencia o venres 18 ás 17,00 horas

Forman parte do programa desta proposta organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación “la Caixa” que se instalará na zona da Autoridade Portuaria de Vigo e que converte contedores de barco en salas de exhibición

Vigo, 17 de marzo de 2022

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación “la Caixa” chega este mes a Vigo acompañada dunha programación cultural paralela que dará comezo esta mesma semana. Haberá actividades no Museo do Mar de Galicia a cargo de dúas artistas participantes na iniciativa, a Premio Nacional de Fotografía e asociada da Axencia Magnum Cristina de Middel e a galega Bandia Ribeira.

Así, este venres haberá unha conferencia de presentación, moderada polo comisario do proxecto, Nicolás Combarro. Nela, Cristina de Middel e Bandia Ribeira afondarán nas súas traxectorias profesionais e nos traballos cos que participan na iniciativa Percorrer o tempo, onde fan unha interpretación do Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas físicas, sociais e emocionais.

O encontro será ás 17,00 horas, con entrada de balde ata completar aforo. Cómpre confirmar asistencia previamente a través do telefono 986 247750 ou do enderezo electrónico info.museodomar@xunta.gal.

Obradoiro fotográfico

A maiores, nas xornadas do sábado e do domingo, de 10,00 a 14,00 horas, impartirase un obradoiro dirixido a todas as persoas interesadas na práctica artística ou fotográfica contemporánea, no que as artistas lles achegarán aos participantes a súa metodoloxía de traballo e traxectoria. Ademais, traballarán co material das persoas asistentes que queiran compartilo. Os interesados en recibir máis información sobre a inscrición poden facelo a través do teléfono e enderezo electrónico do Museo do Mar de Galicia.

Estas actividades encádranse na mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación “la Caixa”, promove para achegar diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de 10 artistas do eido audiovisual. A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a iniciativa chega a Vigo este mes tras o seu paso pola Coruña, Lugo e Ourense desde o pasado setembro. Posteriormente trasladarase a Santiago, onde rematará no mes de xullo.