A Xunta asegura ao presidente Duque que Galicia e Colombia teñen a oportunidade de identificar ámbitos e proxectos a futuro nos que ir da man para xerar alianzas duradeiras

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co dirixente colombiano, Iván Duque, correspondendo así á invitación realizada o pasado mes de setembro durante a súa visita a Santiago de Compostela

Galicia destaca as vías de colaboración que se abren en sectores como o naval, as enerxías renovables, o contract, o TIC e o aeronáutico, agradecendo ao presidente de Colombia que o seu país teña previsto este ano participar en Navalia e visitar o Polo Aeroespacial de Galicia

Bogotá (Colombia), 17 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, agradeceu ao presidente de Colombia, Iván Duque, o interese por seguir estreitando lazos comerciais, un sentimento que, segundo dixo, é recíproco. De feito, en nome da Xunta, aseguroulle que Galicia e o país sudamericano teñen a oportunidade de identificar novos ámbitos e proxectos a futuro nos que ir da man para xerar alianzas duradeiras.

Conde mantivo nas últimas horas un encontro con Iván Duque, correspondendo, deste xeito, á invitación que o presidente colombiano lle trasladou ao xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na viaxe que realizou a Santiago de Compostela o pasado mes de setembro. Cómpre lembrar que se tratou da primeira visita dun presidente doutro país a Galicia no Ano Santo bienal 2021-2022.

Na xuntanza, ademais dunha delegación de empresas galegas, estiveron presentes, tamén, a ministra de Comercio, Industria e Turismo, María Ximena Lombana Villalba; o titular de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Goberno de Colombia, Rodolfo Zea; a ministra das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Carmen Ligia Valderra; autoridades doutros ministerios deste país latinoamericano, como Defensa e Exteriores, así como representantes de ProColombia.

Durante o encontro tiveron ocasión de corroborar as vías de colaboración que se abren para consolidar as relacións económicas en sectores dos que forman parte as empresas que acompañan á Xunta de Galicia nesta misión comercial, entre os que destacan o naval, as enerxías renovables, o contract, o ámbito TiC, a industria aeronáutica ou a pesca. Neste punto, puxo de manifesto a estabilidade que ofrece Galicia para, prestando especial atención á planificación e á anticipación, xerar un clima favorable ao investimento e á actividade económica.

Por iso, tal e como explicou o vicepresidente económico, un dos temas abordados foi a relevancia do binomio industria-sustentabilidade. Neste sentido, a Xunta está disposta a exportar o modelo galego, que busca incentivar a innovación aberta para incrementar a competitividade e impulsar o desenvolvemento de enerxías renovables e novas tecnoloxías en equilibrio co medio natural. En definitiva, o obxectivo é crear sinerxías ante retos globais como a economía verde ou a dixitalización, polo que deixaron as portas abertas para que flúan ideas, propostas e proxectos en común.

Por último, Francisco Conde trasladou ao presidente Duque que Galicia quere continuar sendo un punto de encontro con Colombia para seguir explorando en todo aquilo que as une e as complementa.

Imaxes relacionadas