Galicia insiste na necesidade de adoptar medidas de xeito urxente para paliar o déficit de profesionais en medicina de familia

Esta foi a postura defendida hoxe polo conselleiro de Sanidade na reunión do pleno da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, celebrada en Santiago, e presidida pola ministra de Sanidade

Segundo o último informe periódico do Ministerio sobre oferta e necesidades de profesionais médicos, as xubilacións nos vindeiros anos van xerar un aumento no déficit de médicos de familia de atención primaria na nosa comunidade e en toda España

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

Esta tarde tivo lugar a reunión do pleno da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, que tivo lugar en Santiago, presidida pola ministra de Sanidade, Carolina Darias. No transcurso desta xuntanza, na que se analizou o último informe periódico sobre oferta e necesidades de profesionais médicos, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistiu de novo na necesidade de adoptar medidas de xeito urxente para paliar o déficit de profesionais sanitarios, que pode chegar a ser preocupante en especialidades como medicina de familia de atención primaria.

Segundo explicou Comesaña, á vista das conclusións deste informe, as xubilacións nos vindeiros anos van xerar un aumento no déficit de médicos de familia de atención primaria na nosa comunidade e en toda España, e por esta razón, Galicia leva anos pedindo medidas extraordinarias. Una vez máis, o conselleiro solicitou que se mellore o proceso de homologación de títulos estranxeiros e se capten profesionais de países de fóra da Unión Europea para unha homologación urxente. Dende o Ministerio valoraron esta posibilidade e deixaron a porta aberta a unha flexibilización destes trámites.

Una vez máis, o conselleiro insistiu en ampliar na medida do posible as prazas MIR que serán ofertadas proximamente. No caso de Galicia solicitouse o ano pasado acreditar 64 prazas máis das que aínda quedan 36 por resolver e que deberían poder incorporarse na convocatoria deste ano. A nosa comunidade leva anos cubrindo o 100% das prazas MIR de medicina de familia que lle acreditan.

Entre as medidas que ten presentado Galicia reiteradamente, está tamén a reforma do sistema de acreditación de prazas formativas, que o conselleiro agradeceu que fora tomada en consideración polo Ministerio, iniciando a finais do ano pasado o trámite establecer unha nova normativa reguladora, á que a nosa comunidade aportou máis de 20 propostas, e na que a formación en hospitais comarcais e zonas rurais debería ter maior peso, tal e como remarcou Comesaña.

Do mesmo xeito, o titular da Sanidade Galega reiterou a necesidade de crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias., unha proposta, que concitou a unanimidade dos grupos no Parlamento galego. "Non podemos permitirnos que eses aínda escasos recursos formativos que temos para os médicos de familia acaben sendo utilizados para formar a persoal que non vai exercer en atención primaria senón nos servizos de urxencias", dixo García Comesaña.

O informe presentado polo Ministerio fai especial fincapé nas prazas de difícil cobertura, centrándose na atención en primaria. Sen embargo, Galicia lembra que hai que facer atractivas as prazas tamén nos hospitais comarcais, polo que o conselleiro insistiu en que se outorgue unha puntuación adicional por servizos prestados en postos de difícil cobertura. Pediu, ademais, que se actualice o sistema de selección de especialistas, de maneira que o concurso sexa o sistema prioritario; polo menos, e inicialmente, en determinados supostos como serían esas de difícil cobertura (en primaria e hospitais comarcais). García Comesaña lembrou que o Sergas tramitará proximamente un concurso de méritos para a cobertura de 106 prazas en atención primaria.

O conselleiro de Sanidade non quixo rematar a súa intervención sen reiterar a necesidade de eliminar os límites da taxa de reposición de efectivos, que cualificou de "imprescindible" no escenario de déficit de profesionais a curto e medio prazo que debuxa o informe do Ministerio presentado esta tarde.
 

Imaxes relacionadas