A escritora Anne Plantagenet e o director teatral Lluís Pasqual analizan a figura de María Casares no ciclo sobre a artista promovido pola Xunta

A Coruña, 16 de marzo de 2022

O Museo de Belas Artes da Coruña acolleu hoxe a segunda xornada do ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, organizado pola Xunta, coas intervencións da escritora e biógrafa da actriz, Anne Plantagenet, e do galardoado director teatral Lluís Pasqual, quen coñeceu persoalmente a artista. Os relatorios foron presentados polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen salientou a oportunidade que está a ofrecer este ciclo para divulgar o legado da autora ao gran público cos testemuños de profesionais que tiveron a oportunidade de coñecela ou que levan anos investigando sobre a súa vida e obra.

A iniciativa, iniciada en febreiro, enmárcase na programación conmemorativa organizada polo Goberno galego co gallo do centenario de María Casares e prolongarase ata novembro nun total de seis xornadas. A través del, personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñecen de preto o traballo e o legado da actriz analizarán desde diferentes perspectivas a súa figura. A seguinte cita será o 11 de maio, cos directores teatrais Josep María Flotats e Jorge Lavelli.

Imaxes relacionadas