A Xunta inaugura en Bogotá o único fito conmemorativo da ruta Xacobea situado a máis de 3000 metros de altura

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destaca que nunca un símbolo xacobeo luciu, como este no santuario do Señor de Monserrate, desde un punto xeográfico tan elevado; concretamente, a 3172 metros sobre o nivel do mar

Di que este símbolo xacobeo, a 7674 quilómetros de distancia da Catedral de Santiago, enxalza os vínculos que existen entre Galicia e Colombia, ao tempo que salienta que os camiños traen unha mensaxe de cooperación máis necesaria que nunca

Bogotá (Colombia), 16 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, inaugurou hoxe en Bogotá, onda o santuario do Señor de Monserrate, o único fito conmemorativo da ruta Xacobea situado a máis de 3000 metros de altura.

No acto, no que participaron a ministra de Comercio, Industria e Turismo de Colombia, María Ximena Lombana, e a directora do Instituto Distrital de Turismo (IDT) de Bogotá, Karol Fajardo, Conde apuntou que nunca un símbolo xacobeo luciu desde un punto xeográfico tan elevado; concretamente, a 3172 metros sobre o nivel do mar e a 7674 quilómetros de distancia da Catedral de Santiago, como así queda constancia na propia mouteira.

Ata o de agora, son 15 fitos máis coma este de Colombia os que se levan instalado marcando a distancia ata Santiago de Compostela. En Galicia, no quilómetro 100 dos Camiños Francés, Inglés e Primitivo. En España, en Madrid, Liébana (Cantabria), Astorga (Castela e León) e Santi Ponce (Sevilla). E a nivel internacional, en Wakayama (Xapón), Bruxelas, Glasgow, Cracovia, Lorient, Pistoia (Italia), Rio de Xaneiro e Porto.

Neste caso, o emprazamento onda este icónico santuario colombiano ten que ver cos seus vínculos co mosteiro de Montserrat, en Barcelona, parada de moitos peregrinos que facían o Camiño de Santiago desde o noroeste da península. E porque ata o santuario do Señor de Monserrate en Bogotá chega un camiño de peregrinación desde séculos atrás. Conde sinalou que este símbolo da ruta Xacobea enxalza os vínculos que existen entre Galicia e Colombia, e salientou que os camiños traen unha mensaxe de cooperación máis necesaria que nunca.

Segundo apuntou, en Galicia case 180.000 peregrinos recolleron a compostela en 2021, 4695 procedentes de Latinoamérica, dos que 948, concretamente, de Colombia, o décimo terceiro país emisor de peregrinos a Santiago. E, nesta liña, convidou ao pobo colombiano a visitar Galicia neste Xacobeo bienal.

Encontro co sector naval

Nesta xornada de viaxe, o vicepresidente económico participou, tamén, nun encontro entre empresas galegas e colombianas do sector naval, onde destacou que a principal oportunidade para Galicia no mercado colombiano vén do lado da enxeñaría, a dixitalización e a innovación, así como as reparacións navais.

Neste sentido, defendeu que Colombia supón un punto clave para alcanzar posibles acordos comerciais en Latinoamérica, ao tempo que manifestou que Galicia está en condicións de ofrecer a Colombia toda a súa experiencia en construción de buques, equipamento e pezas accesorias, así como servizos de deseño, construción e reparación. Así, destacou a existencia de tres enclaves estratéxicos na comunidade autónoma: Navantia, os estaleiros privados da ría de Vigo e o Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), localizado en Ferrol no CIS Tecnoloxía e Deseño da Xunta de Galicia.

Para afondar nestas relacións comerciais Galicia-Colombia no sector naval, Conde indicou que a confirmación de que unha representación dos estaleiros colombianos asistirá á nova edición de Navalia dará un valor engadido ao encontro, ademais de que lles achegará ao mercado español e europeo. Durante o encontro, tamén trasladou o desexo de que unha delegación colombiana, a través da Corporación de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento da Industria Naval Marítima e Fluvial (Cotecmar) , visite o Cesena.

Audiencia co presidente de Colombia

Está previsto que hoxe o vicepresidente económico da Xunta tamén se reúna co presidente de Colombia, Iván Duque, para corresponder a invitación que trasladou ao xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na visita que realizou o mandatario colombiano a Santiago de Compostela o pasado mes de setembro. Será unha xuntanza para identificar oportunidades de futuro entre Galicia e Colombia que permitan seguir estreitando lazos de colaboración entre ambos os dous países.

Imaxes relacionadas