A Xunta colabora coa Asociación de Veciños Partovia do Carballiño con diversas melloras

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Natalia Prieto lembrou que a Xunta incrementou o orzamento da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, nun 20%, ata acadar os 3M€

O Carballiño (Ourense), 16 de marzo de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comprobou hoxe as obras de pechamento, formigonado e humanización do soportal do local social da Asociación de Veciños Partovia no Carballiño, que recibiu o ano unha axuda de preto de 5.500 euros.
A organización foi unha das 41 entidades beneficiarias da provincia de Ourense o ano pasado, que recibiron máis de 600.000 euros no marco da convocatoria de axudas do Plan específico de Acción Comunitaria. No conxunto da comunidade, o Goberno galego destinou 2,5M€ para apoiar as iniciativas e 173 asociacións.
Natalia Prieto, lembrou que a Xunta vén de renovar esta orde, na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

A orde de subvencións para este ano inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas