A Xunta comeza as obras para a execución dun itinerario peonil e a mellora da drenaxe na estrada OU-540 na Manchica, no concello da Merca

A intervención, cun investimento de máis de 48.000 €, mellorará a accesibilidade e o tránsito peonil e as condicións de drenaxe en dous treitos desta vía autonómica

Executarase unha senda de 120 metros de lonxitude na marxe dereita, con pavimento de formigón e respectando unha anchura de beiravía de 1 metro

Rehabilitarase o pavimento deteriorado da franxa de aparcadoiro da marxe dereita da estrada e repararanse zonas puntuais da cuneta na marxe esquerda
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de construción dun itinerario peonil e de mellora da drenaxe e de marxes na estrada autonómica OU-540, no núcleo da Manchica, no concello da Merca.

Esta actuación, que conta un investimento da Xunta de máis de 48.000 euros, ten como obxectivo a mellora da accesibilidade e do tránsito peonil, ademais de optimizar as condicións de drenaxe no treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 14+705 a 14+825 e 14+950 a 15+045.

Os traballos comezados hoxe inclúen a execución dunha senda peonil de 120 metros nun tramo da marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 14+705 e 14+825. O itinerario disporá de pavimento de formigón e unha anchura de entre 2,30 e 4,60 metros, respectando en todo momento un ancho de beiravía de 1 metro.

A intervención prevé tamén a rehabilitación do pavimento da franxa de aparcadoiro situada entre os puntos quilométricos 14+950 e 15+045, na marxe dereita da estrada, que se atopa deteriorada.

Ademais, repararanse zonas puntuais da cuneta na marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 14+705 e 14+780.

Adicionalmente nestas zonas prevese a mellora das condicións de drenaxe, coa instalación de colector de pluviais na nova senda e os correspondentes elementos de recollida de augas, tanto na senda como no tramo de aparcadoiro rehabilitado.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé.
 

Imaxes relacionadas