O presidente do Goberno galego visitou este mediodía a escola infantil Santa Susana

Feijóo anuncia a apertura do período de matrícula nas escolas infantís para o primeiro curso no que serán gratuítas para todos os nenos

Destaca que Galicia convértese así na primeira comunidade cunha educación infantil universal

Precisa que esta iniciativa conta cun investimento de 30 millóns de euros e beneficiará a máis de 30.000 familias

Afirma que a Xunta seguirá comprometida cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias

Pide ao Goberno de España que cofinancie a gratuidade da educación infantil, tal e como comprometeu ao comezo da lexislatura
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a publicación no Diario Oficial de Galicia do formulario para solicitar praza nunha escola infantil da Xunta para o vindeiro curso, o primeiro no que serán 100% gratuítas para todos os nenos; “converténdonos así, na primeira comunidade autónoma cunha educación infantil universal”, precisou.

Durante unha visita á escola infantil Santa Susana, Feijóo salientou que, nun momento no que os fogares teñen que asumir novos sacrificios, “en Galicia, a educación infantil custa cero euros”, dixo, ao tempo que destacou que esta iniciativa conta cun investimento de 30 millóns de euros, para beneficiar a máis de 30.000 familias.

Logo de facer fincapé en que con esta medida, a Comunidade convértese na única na que un neno pode pasar por todas as fases do ensino, desde infantil ata o bacharelato, sen que os pais teñan que desembolsar nin un só euro, o titular da Xunta afirmou que o Goberno galego seguirá comprometido cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias.

Así, a Administración autonómica galega está a levar, por exemplo, unha atención 100% gratuíta aos concellos máis pequenos, co obxectivo de rematar o 2022 con máis dun centenar de casas niño; e foi a primeira en poñer en marcha unha Lei de impulso demográfico que garante, ao máximo nivel normativo, o acceso á educación infantil para todos os nenos.

O presidente do Executivo galego lembrou que este fito é posible grazas aos traballadores públicos da Xunta, que fan posible que as familias non teñan que facer ningún trámite adicional para acceder á gratuidade; ás entidades e empresas que xestionan escolas infantís, que no 99% dos casos accederon a implantar a gratuidade; e, tamén, aos concellos, que teñen a oportunidade de ofrecer a gratuidade nas escolas da súa competencia, a cambio de que a Xunta asuma o 100% do prezo que antes pagaban as familias e sen ningún custe extra para as arcas municipais.

O presidente galego concluíu pedindo novamente ao Goberno de España que cofinancie a gratuidade da educación infantil, tal e como comprometeu ao comezo da lexislatura.
 

Imaxes relacionadas