A Xunta fomenta o turismo familiar no Camiño a través da iniciativa ‘Escape Room Xacobeo’

Celebrarase entre marzo e maio en catro albergues públicos de peregrinos dos Camiños Inglés, Portugués da Costa, Mozárabe-Vía da Prata e Francés

A directora de Turismo de Galicia presentou esta mañá a novidosa iniciativa enmarcada dentro da programación do Xacobeo 21-22 e da que se poderán beneficiar máis dun milleiro de persoas

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

As posibilidades do Camiño de Santiago, a súa diversidade e riqueza e a capacidade para xerar todo tipo de actividades, moitas orientadas ao turismo familiar, fomentando o coñecemento do fenómeno xacobeo desde un punto de vista poliédrico centraron a presentación do Escape Room Xacobeo, unha nova iniciativa enmarcada na programación do Xacobeo 21-22. Trátase dunha proposta de xogo en grupo centrada arredor do Camiño e que se desenvolverá entre marzo e maio deste ano en catro albergues públicos de peregrinos.

A novidosa proposta, que se presentou esta mañá en San Martiño Pinario da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e dunha ducia de nenas e nenos, celebrarase en Betanzos, no Albergue Casa da Peixería (Camiño Inglés), do 31 de marzo ao 3 de abril; no Albergue de Vigo (Camiño Portugués da Costa), do 7 ao 18 de abril e no albergue Eligio Rivas de Ourense, entre o 22 de abril e o 1 de maio. Nestes tres albergues farase un escape room portátil máis sinxelo, mentres que no albergue de Samos, na Casa Forte de Lusío, celebrarase nas fins de semana de maio un segundo escape room con máis complexidade, atrezzo e decoración.

“O Camiño de Santiago é cultura, é espiritualidade, é deporte pero tamén pode ser lúdico e esta faceta é a que poñemos en valor coa posta en marcha desta novidosa iniciativa da que se beneficiarán máis dun milleiro de persoas”, explicou Nava Castro. A través da celebración destes xogos “achegamos o Camiño á poboación infantil e ás familias, e facémolo en toda Galicia orientada á poboación galega, un dos obxectivos deste Xacobeo tan especial que estamos a vivir”, explicou.

Os interesados en participar terán que facelo en grupos de máximo seis persoas maiores de 6 anos e contarán en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao mail reservaslucusescaperoom@gmail.com

  1.  

Imaxes relacionadas