A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto de Santiago

O obxectivo do exercicio foi analizar a coordinación dos distintos colectivos e a capacidade de resposta a unha emerxencia aeronáutica, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Platerga en nivel 2 e o plan de autoprotección do aeródromo

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

A Xunta participou hoxe nun simulacro de accidente aéreo que tivo lugar no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia destas características e avaliar a capacidade de resposta e os procedementos establecidos no seu Plan de autoprotección e os doutros organismos implicados, ao mesmo tempo que se ensaia a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2 e do Plan de atención a vítimas e familiares.

Neste nivel a dirección do Plan corresponde ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que se desprazou ao Posto de Mando Principal (PMP) do aeroporto, onde se constituíu o Centro de Coordinación Operativa (CECOP) do que forman parte, entre outros, a dirección do aeroporto e representantes dos diferentes grupos operativos que se constituíron para dar resposta á emerxencia.

Ademais, trala declaración do nivel 2 do Platerga a dirección do Posto de Mando Avanzado (PMA) constituído nas inmediacións do accidente foi asumida polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.

O exercicio simulou o accidente dun avión con 20 persoas -16 pasaxeiros e 4 membros da tripulación- durante a manobra de despegue, saíndose da pista e producíndose un incendio na zona de prácticas que obrigou a activar o Plan de autoprotección do aeroporto.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mobiliza a medios externos para poder levar a cabo as labores de salvamento e extinción de incendios na zona de emerxencia. O simulacro artellouse ao redor dun sinistro no que se rexistraron 4 persoas falecidas -3 pasaxeiros e 1 tripulante-, 10 feridos de distinta consideración -2 moi graves, outros 2 en estado grave e 6 de carácter leve-, mentres as 6 persoas restantes resultaron ilesas.

Xunto cos medios propios do aeroporto que atenderon a emerxencia, entre os externos activados polo CIAE 112 inclúense medios sanitarios do 061 e Bombeiros, Servizo municipal de Protección Civil e Policía Local de Santiago, Bombeiros de Ordes, ademais da Garda Civil e da Policía Nacional. Unha vez activado o Platerga e o Plan de atención a vítimas e familiares tamén foron mobilizados o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da AXEGA e membros do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), da Cruz Vermella e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Ademais, procedeuse a través dos medios mobilizados á evacuación de vítimas e o seu traslado a centros hospitalarios, mentres que as persoas ilesas e feridos leves foron atendidos nunha das salas habilitadas.

Unha parte do simulacro centrouse no que sería a atención aos familiares das vítimas. Ante accidentes destas características, adoitan desprazarse varios familiares ata o lugar dos feitos, de aí que sexa importante verificar os protocolos e procedementos neste ámbito. Neste caso contemplase a habilitación dun Centro de Recepción de Chamadas para os familiares que se atopan fóra de Santiago e desexen desprazarse como un Centro de Atención a Familiares desde o que se poida prestarlles unha atención máis adecuada e a información actualizada.

Ata o momento do traslado a este centro os familiares serán atendidos na sala de familiares habilitada polo aeroporto polo Responsable de Atención a Vítimas e Familiares do propio aeroporto, persoal da compañía aérea, sanitarios e psicólogos, coordinados pola Persoa de Contacto con Vítimas e familiares de vítimas de accidentes aéreos (PECO) da Xunta de Galicia e no caso das vítimas ilesas ou feridas leves produciríanse os reencontros nas salas de familiares correspondentes.

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante ás posibles emerxencias para o que periodicamente programa e participa en simulacros de emerxencia. No caso dos simulacros xerais aeronáuticos débense realizar cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia do aeroporto.

Imaxes relacionadas