A Xunta concedeu máis de 40M€ nos últimos anos para financiar 1.400 proxectos ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe no Parlamento galego que esta liña de axudas mellora a calidade de vida nos concellos galegos contribuíndo a xerar emprego e fixar poboación a través de espazos adecuados para a prestación dos servizos públicos

O Goberno galego financiou na convocatoria de 2021 un total de 125 proxectos e está a avaliar as 280 solicitudes presentadas á orde deste ano á que destinou un orzamento de 3,5M€

A distribución de beneficiarios por tipoloxía de proxectos do ano pasado pon de manifesto que as necesidades e demandas municipais prodúcense nos proxectos de construción ou mellora de edificios ou dependencias municipais e de parques infantís

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo balance hoxe no Parlamento galego da Orde de infraestruturas de uso público á que este ano a Xunta destina un orzamento de 3,5M€ e que nos últimos anos supuxo un investimento de máis de 40,6M€ para apoiar case 1.400 proxectos das entidades locais galegas destinados á posta en marcha ou mellora das instalacións vinculadas á prestación de servizos públicos.
Na súa intervención, destacou os resultados positivos en canto á execución desta orde, incluíndo as 125 iniciativas financiadas ao abeiro desta liña de axudas na convocatoria do ano pasado. Nesta liña, incidiu en que se trata de novos proxectos de gran alcance social que contribúen a garantir o equilibrio territorial, mellorar o benestar da poboación das zonas rurais e xerar emprego e fixar poboación en todo o territorio.
Así, co apoio aos equipamentos públicos municipais destinados á prestación de servizos públicos, ao lecer e ocio da cativada e ao fomento da cultura e o deporte, a Xunta colabora na mellora da calidade de vida da veciñanza, en especial nos concellos de áreas rurais.
Esta liña de axudas é, de feito, un dos mecanismos de colaboración da Xunta cos concellos que repercuten na mellora das condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais a través do reforzo das dotacións existentes de infraestruturas básicas para servizos municipais e do fomento da súa implantación e reforma.
A Orde de infraestruturas de uso público financia a ampliación e mellora da rede de alumeado público, a pavimentación de vías públicas municipais e a rehabilitación e creación de parques públicos e infantís. Tamén inclúe a construción e rehabilitación de edificios de dependencias municipais e en instalacións deportivas, ademais da dotación de equipamento necesario.

Por provincias, Ourense obtivo o maior número de beneficiarios o ano pasado, cun total de 34 proxectos, seguido dos 33 da Coruña, os 30 de Pontevedra e os 28 proxectos beneficiarios en Lugo.
A distribución de beneficiarios por tipoloxía de proxectos pon de manifesto que as necesidades e demandas municipais prodúcense principalmente nos proxectos de construción ou mellora de edificios ou dependencias municipais. Nesta tipoloxía de proxectos obtiveron axuda 42 solicitudes por importe de 1,3M€. Ademais, como sinalou Natalia Prieto, favorecen a accesibilidade e a calidade dos servizos públicos, o que repercute no mantemento de actividades económicas e servizos e, por tanto, en evitar o despoboamento.
En segundo lugar destacan as actuacións sobre parques infantís que recibiron axudas por importe de máis de 1M€ cos que se executaron un total de 37 proxectos encamiñados a apoiar ás familias dotándoas de recursos para o lecer infantil e contribuíndo así ao impulso demográfico.
En terceiro lugar figuran as axudas destinadas á pavimentación dos camiños públicos municipais con preto de 900.000 euros cos que se subvencionaron 25 actuacións desta tipoloxía. A continuación, están as subvencións para a execución de actuacións sobre instalacións deportivas 568.772 euros para fomentar a práctica do deporte seguro, así como 150.748 euros en actuacións de renovación das redes de luz pública.
A Xunta xa está a revisar as 280 solicitudes presentadas á convocatoria deste ano, da que rematou o prazo o pasado 11 de febreiro para, un ano máis, cumprir co compromiso coas entidades locais para que poidan contar con espazos adecuados para a prestación dos seus servizos.