A aula gastronómica Galicia Calidade achega ao estudantado do IES Vilamarín a excelencia dos produtos certificados pola marca

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiu á masterclass do cociñeiro Javier Outomuro para 40 alumnos e alumnas de ciclos vinculados á hostalería do centro educativo ourensán

Vilamarín (Ourense), 16 de marzo de 2022

O cociñeiro Javier Outomuro, propietario do Restaurante A Taberna (Ourense), foi o encargado de levar ao IES Vilamarín a segunda cita da nova edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade, que se desenvolveu ante 40 estudantes dos ciclos vinculados á hostelería do centro educativo ourensán.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, puxo en valor a contribución desta iniciativa á formación dos futuros e futuras protagonistas da restauración na Comunidade, ao darlles a oportunidade non só de coñecer de primeira man os produtos e marcas que se aglutinan baixo o selo Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, senón de facelo, ademais, mediante o traballo dunha experimentada figura da gastronomía galega, como é o caso de Outomuro.

Nas súas palabras, “é importante que saiban do valor e das propiedades destes produtos de primeira calidade, para que así poidan valorar a importancia de integralos no seu traballo, unha vez finalicen a súa formación”. Os alumnos e alumnas participantes nas distintas citas da Aula Gastronómica Galicia Calidade terán a oportunidade de participar no sorteo dunha cea ou comida no restaurante que elixan de entre os que participan na iniciativa.

Na Aula Galicia Calidade participa tamén a Fundación Artesanía de Galicia cos utensilios precisos para elaborar e presentar o menú. Esta colaboración na súa iniciativa Artesanía no Prato, coa que quere establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño.

Menú da masterclass

Javier Outumuro presentou ante os e as 40 estudandes do centro un menú composto por grelos e marisco das rías galegas, fabas de Lourenzá con zamburiñas e polbo, e lomo de pescada de Celeiro sobre crema de mango e pimentón de Herbón.

As empresas Galicia Calidade participantes nesta cita da foron Conservas A Rosaleira, Feiraco, Jealsa-Rianxeira, Luis Escurís Batalla, Terras da Mariña, Gallego Pereira, Puerto de Celeiro e Pementos Carmucha.

Traxectoria profesional

Javier Outomuro conta cunha larga traxectoria profesional no mundo da hostalería. Iniciouse neste campo en Suíza, e tras voltar a Galicia, en 2003 abriu o Restaurante A Taberna, que conta desde desde 2014 cun Sol Repsol.

A Aula Gastronómica Galicia Calidade continuará a súa andadura coa cita do 23 de marzo no CIFP Compostela de Santiago cunha clase maxistral de Yayo Daporta. Pechará o mes no CIFP Manuel Antonio de Vigo, onde estará Héctor López o día 29 con dous obradoiros para o alumnado.

Imaxes relacionadas