A Xunta apoia a carreira Xacorun, que convida a coñecer o camiño entre Sarria e Portomarín a través do deporte

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, que organiza o Club Pretorianos o vindeiro sábado e conta con máis de 200 persoas inscritas

Lugo, 16 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia apoia a carreira Xacorun, que o vindeiro sábado 19 de marzo convida a coñecer o Camiño Francés entre Sarria e Portomarín a través do deporte.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Thor López, en representación da asociación organizadora, o Club Pretorianos, presentaron hoxe na Delegación Territorial da Xunta esta iniciativa, que recibe apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A proba conta con 211 persoas inscritas.

Hai dúas modalidades de carreira, unha de 22 quilómetros individual ou por relevos que sairá desde Sarria ás 16.30 horas; e outra de 11 quilómetros individual, que ten como punto de partida o núcleo de Mirallos ás 17.30.

Javier Arias celebrou que a entidade organizadora “contribúa á promoción do Xacobeo sumando dúas experiencias que comparten moitos valores, o deporte e o Camiño de Santiago”. Recalcou que o Camiño Francés “ofrece un escenario único dentro da nosa provincia para conxugar o turismo e o deporte en contacto coa natureza”.

Ademais dos premios e trofeos aos que optan as persoas participantes, os que completen os 22 quilómetros entre Sarria e Portomarín poderán obter o selo da credencial do peregrino correspondente a esta etapa.

“Isto supón un convite para que continúen co percorrido ata Santiago de Compostela”, dixo Arias, quen apuntou que a Xunta “confía en que este segundo ano Xacobeo rexistre unhas boas cifras de peregrinos e visitantes que axuden a reactivar a economía galega”.

Imaxes relacionadas