Conde pon en valor que o contract leva polo mundo a Marca Galicia Calidade e destaca a súa influencia en Colombia

Conde cualifica o edificio Ágora como un caso de éxito do contract galego que demostra a capacidade de innovación das empresas que traballan neste sector

Salienta que as impresionantes fachadas de Aluman en Colombia están presentes tamén noutros cinco grandes proxectos arquitectónicos, entre os que destaca a Torre Bacatá, a máis alta do país, o Hospital CTIC ou as Green Towers de Barranquilla

Subliña que Galicia é un referente internacional do contract, concretamente, en Latinoamérica, unha das rexións de maior desenvolvemento e implantación de empresas galegas neste sector
 

Bogotá (Colombia), 16 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, salientou durante a misión comercial que está a levar esta semana en Colombia que o sector contract leva polo mundo a Marca Galicia Calidade. Neste sentido, puxo como “referencia” o Centro Internacional de Convencións Ágora de Bogotá, un dos máis modernos de toda Latinoamérica, cuxa fachada foi construída pola empresa galega Aluman.

Nunha visita ás instalacións deste centro, do que en primeiro termo destacou a súa influencia en Colombia, Conde cualificouno como un caso de éxito do contract galego que demostra a capacidade de resposta e o talento das empresas que traballan neste sector. Trátase dun edificio de 70.000 m² de superficie distribuídos en cinco plantas, que debía cumprir unha serie de requirimentos bioclimáticos e de iluminación e no que se usaron 14 tipos de vidro diferentes.

O vicepresidente económico tamén salientou que as impresionantes fachadas de Aluman en Colombia —onde a empresa conta cunha filial cunha vintena de empregados— vense tamén noutros cinco grandes proxectos arquitectónicos, entre os que destaca a Torre Bacatá, a máis alta do país, o Hospital CTIC ou as Green Towers de Barranquilla. Só en Colombia, 110.000 m² de envolventes levan a marca Aluman, que ten presenza en 51 países e 10 filiais en todo o mundo e alcanza unha cuarta parte do mercado mundial con proxectos en carteira que chegan a sumar máis de 100 millóns de euros.

“O sector contract segue a demostrar as súas capacidades: innovación, talento e calidade; o que lle permite traballar xa en máis de 100 países, promovendo máis de 10.000 proxectos [en 800 cidades do mundo] e sendo xa un elemento claro de internacionalización do noso tecido produtivo”, afirmou Conde, para quen Galicia se está sabendo posicionar como un referente internacional, concretamente, en Latinoamérica, unha das rexións de maior desenvolvemento e de implantación de empresas galegas dedicadas a este sector.
 

Imaxes relacionadas