A Xunta recupera 'De Tapas por Galicia' para poñer en valor a profesionalidade da restauración galega

Os chefs gañadores dos certames de tapas das sete capitais galegas competiron hoxe na Cidade da Cultura polo premio ao mellor petisco da comunidade galega

A directora de Turismo de Galicia entregou o galardón na gala final deste concurso gastronómico no que competiron os cociñeiros gañadores dos sete certames celebrados nas cidades galegas o pasado ano

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Coa satisfacción de volver a recuperar a celebración dun certame que reunía o mellor da gastronomía en miniatura, o Hotel Monumento San Francisco acolleu a gala para escoller ao mellor cociñeiro De Tapas por Galicia, unha iniciativa que reúne baixo o mesmo paraugas aos gañadores dos concursos de petiscos celebrados nas sete cidades de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro puxo en valor a recuperación deste certame que permite promocionar e por en valor a calidade e a profesionalidade acadada pola restauración galega. “Temos produtos únicos e de calidade excepcional, temos profesionais de primeiro nivel e somos, ademais, os mellores anfitrións. Non podemos estar máis orgullosos do bo facer das nosas e dos nosos cociñeiros, e toca poñelo en valor e seguir empregándoo como o que é: unha das nosas maiores fortalezas dentro da nosa estratexia turística” sinalou.

Na súa intervención, Nava Castro puxo en valor un certame que chega a súa sexta edición, “unha aposta do Goberno galego en colaboración cos concellos, as asociacións de hostaleiros e o conxunto dos outros colaboradores, para por en valor a enorme creatividade e calidade acadada polos cociñeiros galegos a través destas pequenas creacións”, explicou ao tempo que destacou a posición acadada por Galicia como destino gastronómico de referencia.

Galicia conta con 16 restaurantes con Estrelas Michelin, ademais de 24 restaurantes distinguidos como Bib Gourmand, 30 distinguidos con Soles Repsol e 70 restaurantes certificados coa Q de Calidade, “todos eles son exemplo da excelencia da boa cociña galega e contan co aplauso do público que día a día os visita, e que se esforzan a cotío en ofrecerlle o mellor aos seus clientes”.

Pola súa parte, o director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria puxo en valor os produtos galegos con calidade diferenciada, destacando os 36 selos actuais que fan de Galicia un claro reclamo gastronómico. Neste contexto, José Luis Cabarcos salientou a extraordinaria calidade das producións alimentarias galegas, tanto do mar como da terra, así como a súa proxección e o prestixio acadado nos principais restaurantes nacionais e internacionais.


Gala Show Cooking

A gala na que se decidiu o Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia escolleuse entre os sete gañadores dos certames celebrados en Pontevedra (PonteTapas), Vigo (Petisquiño), Ourense (Sabores de Ourense), Lugo (Tapas de Lugo), Ferrol (Tapéate Ferrol), A Coruña (Picadillo) e Santiago (Santiago(é)Tapas), organizados polas diferentes asociacións de hostalería provinciais.

Os cociñeiros que optaron ao Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia foron Rubén González (El Cafetín, Pontevedra), Daniel Bastos (El Italiano feo, Vigo), Gabi Conde-Corbal (Portovello, Ourense), José Luís Pardo (El Boni, Lugo), Pablo Fuentes (La Bodega de Estrella, Ferrol), Álvaro Victoriano (Intenso Cocina Peculiar, A Coruña) e Jorge Gago (La Maceta, Santiago)

O galardón foi decidido por un xurado profesional conformado polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, o chef do restaurante Auga e Sal, Áxel Smyth, o xefe de cociña do restaurante A Feiram, Paco Gómez, e o cociñeiro dos Cachivaches de Lugo, Alejandro Méndez, anterior gañador deste galardón e por Ana Prieto, especialista en fotografía gastronómica e responsable do blog La Cocina es Vida.

Imaxes relacionadas