A conselleira de Política Social, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, visitou hoxe o edificio, antiga vivenda dos mestres e comedor escolar

A Xunta ampliará a súa rede de escolas infantís coa apertura en setembro do novo centro da Guarda, que ofrecerá 41 prazas para nenos de 0 a 3 anos

Trala entrada en funcionamento deste novo recurso de conciliación serán máis de 200 os pertencentes á rede pública autonómica

A Guarda (Pontevedra), 15 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ampliará a súa rede de escolas infantís coa apertura do novo centro público autonómico da Guarda. Acompañada polo alcalde desta localidade, Antonio Lomba, sinalou que o futuro recurso de conciliación abrirá as súas portas en setembro e contará con 41 prazas repartidas entre tres aulas.

A conselleira de Política Social asegurou que este proxecto e posible grazas ao traballo conxunto e ao investimento realizado polo Goberno galego e o Concello da Guarda, que ascende a máis de 845.000 euros, dos que a Xunta achegou o 60% a través dos fondos Feder, e a Administración local, o resto. A apertura desta nova escola infantil permitirá que máis da metade dos nenos de 0 a 3 anos deste municipio teñan á súa disposición unha praza pública, unha ratio de cobertura 18 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

Coa da Guarda serán máis de 200 os centros que o Goberno galego ten repartidos pola Comunidade. Fabiola García lembrou, ademais, que desde a Xunta trabállase para dar ás familias galegas todas as facilidades posibles para que a oferta se axuste ás súas necesidades de conciliación a través de, entre outras medidas a gratuidade universal de todas as escolas infantís de Galicia, que se empezará a aplicar o vindeiro curso, e que xa se aplica para os segundos fillos e seguintes desde 2020.

Precisamente para dar cobertura á crecente demanda de prazas gratuítas para segundos e sucesivos fillos, o Goberno galego vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha ampliación de crédito que permita á Administración autonómica atender esta maior ocupación nos centros de educación de 0 a 3 anos. Este incremento, que responde ao aumento de matriculacións en escolas infantís rexistrado no curso 2021/2022 respecto ao anterior, ascende a un millón de euros, que se suma aos máis de 16 presupostados para este fin.

Casas niño e Bono Coidado

Tamén as casas niño constitúen unha parte fundamental deste conxunto de medidas, pequenos centros de conciliación completamente gratuítos para nenos de 0 a 3 anos en concellos que carecen doutro recurso semellante; ou o Bono Coidado, que ofrece ás familias recursos puntuais de conciliación ante obrigas persoais ou profesionais. Esta última medida permite ás nais e pais contratar coidados para os fillos de ata 12 anos cando teñen que asistir a algún compromiso laboral, sanitario ou persoal.

Fabiola García agradeceu o traballo que levan a cabo diariamente as traballadoras das escolas infantís, por converter estes centros en piares fundamentais para a conciliación familiar das familias galegas con nenos pequenos.
 

Imaxes relacionadas