A Xunta garante a escolarización inmediata dos nenos ucraínos en idade escolar acollidos en Galicia

 A Consellería de Educación envía unha resolución aos centros coa habilitación dun procedemento extraordinario de incorporación ás aulas deste alumnado
Garantiranse os servizos gratuítos de transporte, comedor e o material escolar necesario

Trabállase cos equipos de orientación para facilitar a rápida integración dos escolares, co apoio dos recursos de atención ao benestar

A través das universidades e das Escolas Oficiais de Idiomas, búscase alumnado ucraíno residente en Galicia que forme parte dunha rede de apoio que facilite a comunicación entre as familias e os centros
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

O Goberno galego garante a escolarización inmediata dos nenos ucraínos en idade escolar desprazados a Galicia por mor da guerra, a través dun procedemento extraordinario de incorporación ás aulas formalizado nunha resolución remitida aos centros educativos.

O obxectivo é poñer o sistema educativo galego á disposición destas familias para que os nenos en idade escolar non vexan interrompida a súa formación académica ao tempo que favorecer a súa integración o máis axiña posible. Trátase, pois, de impulsar unha folla de ruta que favoreza a integración nas comunidades escolares e harmonice a resposta nos distintos centros educativos de destino. A día de hoxe xa están escolarizados 25 nenos en 17 centros de 13 concellos, cifra que vai ir en aumento nos vindeiros días.

Neste senso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de emitir unha resolución dirixida aos centros co fin de clarificar o procedemento de escolarización a seguir para estes casos e ofrecer seguridade e certeza aos equipos directivos. Deste xeito, os centros poden proceder á escolarización inmediata dos nenos de entre 3 e 16 anos, a través dun procedemento extraordinario dun máximo de tres días desde que se recibe a petición por parte da familia ou das persoas ou entidades sociais ou municipais acolledoras.

Así mesmo, ponse á disposición do colectivo ucraíno recursos e servizos como o transporte escolar e o servizo de comedor gratuíto para todos os alumnos acollidos que o precisen, así como o acceso a libros e material escolar.

Para facilitar a integración e a máxima normalidade dentro deste contexto excepcional, a Consellería está traballando nun Plan de Acollida no que se concretará a dotación de recursos e a dotación estritamente académica. Este plan será debatido e avaliado os vindeiros días no marco da reunión de coordinación entre administracións.
 

Imaxes relacionadas