A delegada da Xunta en Ferrol lembra a importancia de poñer a disposición dos cidadáns todas as ferramentas para garantir os seus dereitos como persoas consumidoras

Martina Aneiros entregou os premios do Concurso da “Tarifa da Luz” a dous alumnos do IES Sofía Casanova de Ferrol

Ferrol, 15 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a carpa instalada na Praza da Constitución con motivo do Día Mundial das Persoas Consumidoras.

O obxectivo deste punto de información é animar aos ferroláns a que coñezan máis sobre os seus dereitos, “queremos poñer a disposición dos cidadáns todas as ferramentas para garantir a súa información, o seu asesoramento e a restitución dos seus dereitos, se fora necesario”, sinalou a delegada da Xunta en Ferrol.

Ademais, no acto organizado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a representante do goberno autonómico fixo entrega duns bonos de material escolar valorados en 100 euros a dous alumnos do IES Sofía Casanova que foron os gañadores desta comarca no concurso “A Tarifa da Luz” que a Xunta puxo en marcha entre os alumnos de 4º da ESO e que consistía no análise dunha factura da luz.

Aneiros lembrou que vivimos un momento especialmente sensible dende o punto de vista económico. “Todos temos que afrontar estes últimos meses os altos custos da electricidade e sería bo que con urxencia dende o Goberno central se adoptara algunha medida para baixar os impostos relacionados coa enerxía”, afirmou a delegada.

Finalmente, a delegada territorial sinalou que a Oficina de Consumo da Xunta en Ferrol atende e asesora de xeito presencial a todo aquel que o requira. O ano pasado esta oficina rexistrou 1.713 consultas e tramitou 1.297 reclamacións, moitas delas relacionadas cos sectores das telecomunicacións e os enerxéticos.

A partir deste venres 18 de marzo estableceranse os chamados Venres de Consumo Responde, unha acción divulgativa con charlas abertas a partir dunha temática para que a cidadanía poda consultar as súas dúbidas. Serán a través da aula virtual https://formacion-consumo.xunta.gal/.

Imaxes relacionadas