O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, mantiveron esta mañá unha reunión coa executiva da Fegamp

A Xunta e os concellos abordan a gratuidade das escolas infantís municipais para todas as familias a partir do próximo curso

O Goberno galego insta ás Administracións locais a adaptar as súas ordenanzas fiscais para que os usuarios dos centros municipais se poidan beneficiar desta medida pioneira

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia e os Concellos abordaron hoxe a gratuidade das escolas infantís municipais para todas as familias galegas. O Goberno galego instounos, neste sentido, a adaptar as súas ordenanzas fiscais para que os usuarios dos centros de titularidade municipal poidan beneficiarse desta medida pioneira, posta en marcha polo Executivo autonómico en abril de 2020 para os segundos fillos e sucesivos e que se ampliará o vindeiro curso a todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos.
Así llo comunicou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, á executiva da Federación de Municipios e Provincias (Fegamp), encabezada polo seu presidente, Alberto Varela, nun encontro que se celebrou na sede deste organismo.
A través desta iniciativa, a Xunta de Galicia asumirá o custe tanto de atención educativa como de matrícula que tiñan que aboar ata agora as familias. Esta medida beneficiará a máis de 30.000 familias galegas usuarias de escolas infantís tanto de titularidade pública, autonómica ou municipal, como privada ou de entidades sociais.

Imaxes relacionadas