Fabiola García sinala que máis de 400 persoas en risco de exclusión atoparon emprego grazas aos programas de Cáritas

Destaca que o Goberno galego financia estes cursos a través da orde de axudas a entidades e da orde con cargo á casilla social do IRPF

Asegura que esta iniciativa permite que as persoas en situación de exclusión social acaden unha integración plena a través da súa inserción no mundo laboral

Afirma que o Goberno galego seguirá traballando da man das entidades sociais para atender os retos que se presenten, como a actual crise humanitaria de Ucraína
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que máis de 400 persoas en risco de exclusión atoparon emprego grazas aos programas de inclusión de Cáritas durante o ano 2021. Durante a súa intervención na entrega de diplomas aos participantes nos cursos de formación desta entidade, apuntou que o Goberno galego financia estes programas a través da orde de axudas a entidades e a orde da casilla social do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).
A conselleira sinalou que estes iniciativas permiten que as persoas en risco de exclusión social acaden unha integración plena a través da súa inserción no mundo laboral.

Concretou que entre os itinerarios ofertados atópanse cursos de atención ao cliente, de camareiro, de informática, de servizos domésticos ou de auxiliar de limpeza. Estes son algún dos itinerarios que Cáritas pon en marcha gracias á colaboración da Xunta de Galicia que se suman á atención a persoas maiores.

Fabiola García agradeceu o traballo diario desta entidade por axudar ás persoas en situación de exclusión social e por trasladarlle á sociedade que “existe unha mellor versión de si mesmos”. Neste sentido, puxo en valor que Cáritas está presente en cada recuncho da cidade de Santiago e de toda Galicia a través destes cursos de formación pero tamén a través dos centros de atención continuada, como o centro Vieiro, os seus roupeiros e puntos de recollida ou a través de comedores sociais.

Refuxiados Ucraína

Lembrou que o Goberno galego seguirá traballando da man das entidades sociais para atender ás necesidades das persoas máis vulnerables, así como para atender os retos que se presenten, como a actual crise humanitaria en Ucraína. A conselleira apuntou que o pobo galego e todos os axentes que o integran están amosando o seu lado máis solidario ante esta situación ofrecendo prazas de acollida e axuda que atenda ás persoas que xa están comezando a chegar á nosa Comunidade.
 

Imaxes relacionadas