Política Social destina preto de 85.000 euros para financiar oito novas prazas nos centros de día e ocupacional da Asociación Íntegro

En total a Xunta de Galicia achega 250.000 euros para financiar 22 prazas en ambos centros

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 15 de marzo de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, puxo en valor hoxe nunha visita á Asociación Íntegro que a Consellería de Política Social financia oito novas prazas nos centros da entidade, catro delas no centro de día e outras catro no centro ocupacional.

Ademais, Fernando González Abeijón explicou que a Xunta de Galicia achega en total preto de 250.000 euros para financiar 22 prazas en ambos servizos, emprazados no concello coruñés de Cabanas de Bergantiños. O director xeral sinalou que con estes fondos o Goberno galego axuda a mellorar a calidade de vida de 22 persoas con discapacidade e as súas familias.

A maiores, a Asociación Íntegro recibiu unha axuda de 77.000 euros a través da liña do 0,7% do IRPF para realizar unha ampliación do edificio no que se encontran o centro de día e o ocupacional.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade destacou que a Xunta de Galicia destinará neste 2022 máis fondos que nunca á atención á discapacidade, 142 millóns de euros para acadar unha Galicia de oportunidades para todos.
 

Imaxes relacionadas