A Xunta tramitou en dous anos máis de 8.300 consultas e reclamacións na oficina do Instituto Galego do Consumo en Lugo

As telecomunicacións son o sector que centra máis xestións, cunha terceira parte do total, seguido da enerxía, que supón máis do 16% das tramitacións

Lugo, 15 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia tramitou nos dous últimos anos 4.125 consultas e 4.188 reclamacións na oficina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) en Lugo; en concreto, 5.144 expedientes corresponden ao ano 2020 e 3.169 ao 2021.

Así o explicou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, no punto informativo instalado pola Xunta na rúa Bispo Aguirre con motivo do Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras. Ao longo da mañá, desenvolveuse unha campaña na que se invitaba á cidadanía a testar canto sabe sobre os dereitos que lle asisten como consumidor.

Arias fixo entrega dos premios do concurso “Entender a factura da luz”, realizado entre alumnos de 4º da ESO dos centros educativos de Galicia. En Lugo resultaron gañadores Génesis Dashira Garcias, do IES Xoán Montes; Aroa Presno Fernández, do colexio María Auxiliadora, e as alumnas Alba Vellabona López, Xiana Longarela Yáñez, e Silvia Fernández Torres, do IES Ánxel Fole. Os premios consisten en vales de 100 euros para gastar nas librerías que escollan.

Complementariamente, realizáronse accións formativas no IES Río Cabe de Monforte de Lemos e na Escola de Educación Infantil San Roque de Viveiro.

Igualmente, a Xunta establecerá os Venres de Consumo Responde, unha convocatoria con vocación de permanencia todo o ano mediante a cal todos os venres, ás 12.30 horas, celebraranse a través da aula virtual de Consumo charlas abertas sobre un tema concreto para que a cidadanía poda consultar as súas dúbidas. Este venres 18 de marzo inaugúranse cunha charla virtual sobre a factura da luz, na que se pode participar no enlace https://formacion-consumo.xunta.gal.

O delegado explicou que o obxectivo destas campañas é “convidar á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a Xunta pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos”.

O traballo do IGCC en cifras

Javier Arias explicou que do total de 8.313 consultas e reclamacións recibidas nos dous últimos anos na oficina do IGCC de Lugo, a terceira parte correspondeu ao sector das telecomunicacións. En boa medida débese ao incremento de consultas rexistrado no 2020 co auxe do teletraballo e outras actividades en liña. Así, alcanzáronse ese ano 1.172 consultas e 574 reclamacións relacionadas co sector, fronte ás 337 consultas e 693 reclamacións do pasado ano.

O segundo sector con maior volume de expedientes é o da enerxía, que supera o 16% do total. Neste caso, o número de reclamacións duplicouse nun ano, pasando das 253 do 2020 ás 527 do 2021. Pola contra, as consultas diminuíron, de 378 a 187.

En total, no 2021 rexistráronse 2.173 reclamacións e 996 consultas, mentres que no 2020 foran 2.015 reclamacións e 3.129 consultas.

Os sectores que acumularon máis de 100 reclamacións o pasado ano en Lugo foron, ademais dos xa citados, os relacionados coa venda de aparellos eléctricos, electrónicos e ópticos (209); automoción e vehículos con ou sen motor (127), turismo e ocio (109), e o financeiro (108).
 

Imaxes relacionadas