A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe na inauguración dunha destas fontes, a situada na zona de San Caetano, en Santiago de Compostela

Entra en servizo unha rede de 28 fontes públicas de auga potable nos 18 concellos do Camiño de Santiago Inglés

As fontes están dirixidas a cubrir as necesidades de consumo de auga dos usuarios do Camiño Inglés e tamén dos veciños de cada municipio

Este proxecto contribuirá a fomentar un consumo máis sostible da auga nos itinerarios culturais europeos

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Unha rede de 28 fontes públicas de auga potable entra en servizo nos 18 concellos que conforman a traza do Camiño de Santiago Inglés.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe na inauguración dunha destas fontes, a situada na zona de San Caetano, en Santiago de Compostela. No acto tamén estiveron presentes a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato; e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, entre outras autoridades.

Ao mesmo tempo, cada municipio participante no proxecto tamén procedeu a inaugurar a respectiva fonte de auga no seu ámbito. Os concellos beneficiarios son: Santiago de Compostela, Ordes, Carral, Mesía, Oroso, Betanzos, Abegondo, Miño, Paderne, Cambre, A Coruña, Ferrol, Narón, Cabanas, Culleredo, Pontedeume e Fene e Neda.
Para levar a cabo esta iniciativa, colaboraron distintas administracións, entre elas as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Abegondo, a ADR Mariñas-Betanzos ou a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

O orzamento global da intervención ascende a máis de 973.000 euros, dos que os socios anteriormente citados achegan case 604.000 euros e o importe restante, é dicir, uns 370.000 euros, son achegados a través de fondos europeos.

O obxectivo é conformar unha rede piloto formada por 28 fontes de auga para o consumo humano, cubrindo as necesidades dos usuarios do Camiño de Santiago Inglés e sendo tamén apta e accesible para servir á poboación local.

O deseño de todas as instalacións é uniforme, seguindo o prototipo para fontes naturais, deseñado especificamente polo Instituto Tecnolóxico de Galicia no marco desta acción.

As fontes dispoñen de billas con protector en aceiro inoxidable satinado e pulsador temporizado, cubertas de granito e laterais de piñeiro.

Proxecto Life Water Way

O Goberno galego a as demais administracións participantes, a través desta iniciativa materializada mediante o proxecto europeo Life Water Way, procuran mellorar a calidade da auga de consumo humano cun novo concepto de fontes públicas, garantir a súa calidade sanitaria e incidir directamente na saúde das persoas que percorren o Camiño.

Cómpre lembrar que aínda que a rede piloto foi concibida principalmente para cubrir as necesidades de auga dos usuarios do Camiño Inglés, é tamén apta e accesible para satisfacer as necesidades da poboación local.

Así mesmo, o proxecto pretende fomentar un uso máis sostible da auga nas sendas naturais e nos itinerarios culturais europeos.

Imaxes relacionadas