Luis López destaca o “gran exemplo empresarial”de Celtic Estores e Bandalux en innovación e internacionalización

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado polo alcalde de Moraña, José Cela, visitou as instalacións do grupo co CEO de Bandalux Group, Miguel Comesaña, e coa responsable de administración de Celtic Estores, Juana Rodríguez

O representante autonómico salientou o apoio da Xunta ás accións exportadoras e de mellora das instalacións das industrias do grupo e trasladoulle os parabéns do Goberno galego “por ser unha industria líder e moderna con presenza en 75 países”

Luis López revela que a provincia de Pontevedra bateu o seu récord de exportacións en 2021, con 12.073 M€, e se converteu na sexta de toda España en volume de venda a países estranxeiros

A Xunta inxectou nos dous últimos anos, a través do programa Galicia Exporta Dixital para accións de internacionalización, 11,5 M€ a 328 empresas de toda a comunidade, das que o 56% están emprazadas na provincia de Pontevedra
 

Moraña, 15 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o “gran exemplo empresarial” de Celtic Estores e Bandalux Group para o sector económico de Galicia pola súa exitosa aposta pola innovación, a calidade, a tecnoloxía, a internacionalización e a apertura de mercados a través das exportacións, xa que os seus produtos están presentes en 75 países.

O representante autonómico visitou esta mañá ás instalacións desta industria no parque empresarial de Afieiras, no Concello de Moraña, xunto ao alcalde, José Cela, e acompañado polo CEO de Bandalux Group, Miguel Comesaña, e pola responsable de administración de Celtic Estores, Juana Rodríguez.

“É un orgullo que un proxecto familiar xurdido hai varias décadas xa leve emprazado uns vinte anos no seu municipio de orixe e que ademais se trate, como é o caso de Moraña, dun concello rural e de interior, xa que unha empresa con este nivel confírelle moita riqueza, emprego e prestixio e ademais demostra que a xente que traballa con capacidade, talento e esforzo pode ter éxito a nivel mundial dende calquera lugar”, agradeceu o delegado territorial.

Luis López tamén salientou o apoio da Xunta ás accións exportadoras e de mellora das instalacións das industrias de Bandalux Group, que se adican á fabricación, distribución, venda e instalación de artigos confeccionados e de solucións de protección solar, como persianas verticais, cortinas, tapicerías, toldos ou portas pregables metálicas, de madeira ou de plástico.

O representante autonómico, tras coñecer o funcionamento do grupo empresarial e os seus formatos de produción e innovación, trasladoulles aos seus responsables os parabéns, en nome do Goberno galego, “por ser unha industria líder e moderna, exemplo e bandeira da Galicia que estamos a construír entre todos e que é capaz de ofrecer as mellores solucións do seu sector a nivel mundial, liderando ademais o catálogo internacional cun milleiro de referencias e incluso con marcas rexistradas propias como é o caso de polyscreen”.


Balance récord en exportacións

Por outra banda, Luis López aproveitou a visita a Celtic Estores e Bandalux Group para informar dos datos de exportacións da provincia ao peche do pasado ano 2021, que alcanzaron a cifra récord de 12.073 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,2% con respecto ao ano anterior. Deste xeito, a provincia de Pontevedra converteuse na sexta de España con maior volume de vendas a países estranxeiros só por detrás de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza e Murcia. Ademais, a balanza comercial sitouse en 1.077 millóns de euros, un 12,5% máis que en 2020.

Estas accións de internacionalización contaron cun “decidido apoio” da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, segundo explicou o delegado territorial, xa que nos dous últimos anos inxectáronse 11,5 millóns de euros en axudas a prol de 328 empresas de toda a comunidade a través do programa Galicia Exporta Dixital. De entre elas, destaca o peso da provincia de Pontevedra, co 56% do total, xa que recibiu 5,9 millóns de euros desta orde a través de 173 firmas.
 

Imaxes relacionadas