Teresa Gutiérrez interveu esta mañá na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia

A directora de Augas de Galicia destaca que a Xunta emendou en 2021 un total de 169 puntos de vertido na ría de Arousa, 12 máis que o ano anterior

Explica que a emenda de focos é posible grazas ao Plan de Control de Vertidos da Xunta, un servizo de atención de alertas as 24 horas do día, coordinado co 112

Concreta que Augas de Galicia constatou a redución de vertidos en Bodión, en Boiro, tras instar á empresa responsable a adoptar medidas como o selado dun aliviadoiro

Salienta que a Xunta continúa avanzando na mellora do saneamento da ría de Arousa co impulso de actuacións en Rianxo, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa, en apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración

Subliña que a suma de esforzos da Xunta permitiu que na última década, os vertidos contaminantes se reduciran máis da metade, do 40% no 2010 ao 15% no 2021

Destaca a mellora de zonas de actividade marisqueira, recuperándose máis de 14,3 millóns de m2, pasando as zonas A de representar o 3,1% en 2009 ao 16% hoxe

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, destacou hoxe na Comisión 8ª do Parlamento que a Xunta emendou en 2021 un total de 169 puntos de vertido na ría de Arousa, 12 máis que o ano anterior.

Teresa Gutiérrez explicou que a eliminación destes focos é posible grazas ao traballo dos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, que conta cun servizo de atención de alertas as 24 horas do día, de xeito coordinado co 112.

Precisou que o obxectivo do Plan é conseguir a detección e a emenda efectiva de puntos de vertedura, levando a cabo as funcións de inspección e control das verteduras ao dominio público hidráulico e desde terra ao litoral, especialmente ás rías de Galicia.

Neste sentido, no marco deste Plan, concretou que os inspectores autonómicos constataron a redución notable de alertas por vertidos na zona de Bodión, no concello de Boiro.

Lembrou que as inspeccións de Augas de Galicia localizaron a orixe do foco nun aliviadoiro do tanque de homoxeneización que conducía directamente ao efluente de saída do emisario. Así, a Xunta requiriulle á empresa responsable das verteduras a adopción de medidas para proceder a emenda, levando a cabo esta o selado do aliviadoiro. Sinalou, nesta liña, que Augas de Galicia interpuxo as sancións correspondentes polos incumprimentos detectados.

Ademais referiuse ao esforzo técnico e económico do Goberno galego para impulsar as actuacións hidráulicas necesarias para optimizar a depuración da ría de Arousa, en apoio aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración. Citou exemplos como o avance na mellora do saneamento en Rianxo e Vilanova, a licitación da renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa ou o progreso nos trámites para ampliar a depuradora municipal desta vila.

Redución dos vertidos á metade

A directora reiterou o traballo de control e seguimento das masas de auga que vén realizando a Xunta, que duplicou na última década o inventario de puntos de vertido nas rías. Deste xeito, incidiu en que este traballo permite un maior coñecemento dos focos existentes.

Salientou que nos últimos 10 anos, o número de vertidos considerados contaminantes se reduciu á metade, pois de supoñer o 40% no ano 2010, pasou ao 27% no 2015 e ao 15% no 2021.

Sinalou que estas cifras posibilitaron a mellora de zonas de actividade marisqueira, xa que se recuperaron máis de 14,3 millóns de metros cadrados de superficie para esta actividade. Tamén se ampliaron as zonas A, pasando de representar o 3,1% do total en 2009 a supoñer o 16% a día de hoxe.

Imaxes relacionadas