A Xunta subliña o seu compromiso para garantir servizos financeiros de calidade a todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos visitou hoxe os servizos financeiros que a Xunta vén de poñer en marcha en Chandrexa de Queixa

Trátase dun concello que levaba máis de 10 anos sen ter servizos bancarios

Miguel Corgos explicou que os veciños disporán de caixeiro, dun servizo de asistencia financeira, e de formación

Ourense, 15 de marzo de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos subliñou hoxe o compromiso da Xunta para garantir a prestación de servizos financeiros de calidade a todos os galegos e galegas con independencia do seu lugar de residencia.

Miguel Corgos visitou os novos servizos financeiros que o Goberno galego vén de poñer en marcha en Chandrexa de Queixa, un concello que levaba máis de 10 anos sen ter servizos bancarios e no que os veciños tiñan que facer percorridos de ida e volta de máis de 30 quilómetros para sacar cartos.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que con este novo servizo os veciños de Chandrexa de Queixa disporán de caixeiros automáticos, dun servizo de asistencia financeira co que poder solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional, e dun servizo de formación financeira e banca electrónica para que poidan empregar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

O financiamento corre a cargo da Xunta polo que o concello non tivo que facer ningunha achega económica e só cedeu e acondicionou os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.

Implantación progresiva en toda Galicia

Miguel Corgos explicou que semana a semana iranse ampliando estes servizos financeiros en cada un dos 38 concellos que se adheriron á iniciativa froito do acordo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para achegar unha solución a máis de 51.000 galegos e galegas.

Neste momento, ademais de Chandrexa de Queixa, xa están en funcionamento estes servizos no concello de Arnoia (Ourense), Lousame e Toques (A Coruña) e no concello do Páramo (Lugo).

O conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou que o Goberno galego está comprometido cos concellos rurais e coas políticas de reequilibrio territorial, e por iso en cada orzamento, as provincias de Ourense e Lugo teñen unha discriminación positiva no investimento por habitante en relación ás provincias atlánticas.

Neste marco, explicou que no orzamento en vigor a provincia de Ourense recibirá un total de 1.470 M€ de investimento territorializado, o que supón 4.809 euros por habitante, 1.225 euros máis por habitante que na provincia de A Coruña e 1.049 euros máis que na provincia de Pontevedra.

Finalmente o conselleiro agradeceu a participación de todos os axentes implicados nesta iniciativa que conta co acordo do municipalismo galego representado a través da Fegamp e coa colaboración de Abanca.

Imaxes relacionadas