O Sergas publica as puntuacións provisionais da fase de concurso dos procesos selectivos para o ingreso como persoal estatutario fixo en diversas categorías

Ofértanse un total de 1.311 prazas correspondentes a 48 categorías de persoal sanitario estatutario

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos procesos selectivos para o acceso á diversas categorías do Servizo Galego de Saúde.
En concreto, nas categorías de: facultativo especialista de área de alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría, médico de admisión e documentación clínica, médico asistencial do 061 e médico de urxencias hospitalarias; así como nas de persoal técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citoloxía e radioterapia.
Nestes procesos selectivos ofértanse un total de 1.311 prazas, das que 996 pertencen á 42 categorías de persoal licenciado sanitario; e 315 correspóndense con diferentes especialidades de persoal técnico.
En relación coas prazas de persoal licenciado sanitario, 892 prazas pertencen a 39 especialidades de facultativo especialista de área; 89 de persoal médico de urxencias hospitalarias; 10 de médico asistencial do 061; e 5 de persoal médico de admisión e documentación clínica.
As 315 prazas de persoal técnico sanitario distribúense nas especialidades de farmacia (86), laboratorio de diagnóstico clínico (104), imaxe para o diagnóstico (63), hixiene bucodental (10), anatomía patolóxica e citoloxía (41) e radioterapia (11).

Sinalar que superaron a fase de oposición un total de 3.545 persoas aspirantes, das que o 71,5 % teñen vínculo activo no Servizo Galego de Saúde. Delas, un 75,69 % son mulleres, e a media de idade sitúase en 39 anos.
As listaxes, coas puntuacións provisionais por categoría/especialidade, atópanse publicadas a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde..
Este proceso de selección de persoal fixo tramítase a través do sistema de información Fides/expedient-e, sumándose aos restantes procesos de selección temporal e mobilidade voluntaria, que xa se están a tramitar con apoio desta aplicación, dotando á selección e provisión de prazas do Servizo Galego de Saúde de obxectividade e transparencia; e permitindo aos profesionais a consulta individualizada e detallada do estado de cada un dos méritos achegados ao proceso e os resultados de baremación desagregada. Para poder consultar o detalle da puntuación obtida nos distintos apartados do baremo, cada aspirante poderá acceder ao seu expediente profesional electrónico en Fides/Expedient-e/Sección de Procesos.
As persoas aspirantes dispoñen dun prazo de dez días hábiles para presentar reclamación contra os resultados da baremación provisional. A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Tamén poden dirixir dúbidas ou consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Imaxes relacionadas