A Policía Autonómica esclarece un incendio no concello ourensán de Vilamarín

No transcurso da investigación tomouse declaración a unha muller que se atopaba a realizar unha queima sen as debidas medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Axentes do Grupo de Investigación da Unidade de Policía Autonómica de Ourense esclareceron un incendio que tivo lugar no concello ourensán de Vilamarín o pasado 27 de febreiro.

O lume afectou 0,03 hectáreas no lugar dos Readegos, na parroquia de Razamonde. No transcurso da investigación tomouse declaración a unha muller como presunta autora do lume, xa que estaba a realizar unha queima sen as debidas medidas de seguridade, o que provocou que se propagara á finca lindeira.

Na extinción do incendio actuou un axente, unha brigada e unha motobomba.

As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda de Ourense.

Nesta campaña anti-incendios forestais do 2022, un total de 10 persoas foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.